jueves, 14 de abril de 2016

E DE REPENTE... ABRIL!


Aínda quedan meses para para recolocar e rachar todo e encher bolsas e bolsas de lixo cos restos que quedaron espallados dos invernos e primaveras, dos outonos e veráns pasados á sombra da parra, bordando caraveis nas nubes.
Aínda semanas para recoller papeis inútiles, frascos de cristal e botes de plástico cheos de baleiro, roupas vellas cosidas con ganduxos e bólas de fíos de auroras enredados baixo as camas.
Aínda quedan días para borrar dos anaqueis o fume dos cigarros, para fregar as pagadas da cadeliña amarela e peluda, inerte sobre as lousas da cociña, e as do can negro e tonto que lle rosma ás anduriñas desde o asfalto.
Aínda quedan horas e horas para ir e vir, para mudar as cores dos lenzos, para saír da brancura dos corredores infectados con desinfectantes, para poñer manteiga no desalado queixo desmanteigado, para beber a sorbos a vida mesturada con laranxas, fresas e framboesas, para amartelar o chan con doces de cidra, marmelos e mazás agrias, para tinguir os dedos co sangue dos tomates exprimidos co último alento.
Aínda quedan minutos, segundos, décimas, centésimas, milésimas e… enésimas para o último alento.
Aínda quedan… Dicía… Pensaba…
As contas eran boas!
Volveu abril!

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada