lunes, 16 de febrero de 2015

VERMELLO... BRANCO...

La campana


Ao final foi o vento quen levou todo.
Ata os postigos das portas levou.
E levou o son son da campá.
E mesmo levou as áncoras que suxeitaban o banco…

Agora quedan catro bágoas e as herbas crecentes, mesturadas con zume de cereixas…

PREMONICIÓN?

In the wind


E así como pensaba que todo ía comezar, comezou.
Quizais non se percatou de todos os matices daquela luz que, no absoluto silencio da mañanciña do 1 de xaneiro, discutía coas nubes do Aninovo. Pero si. Fóra matices, todo comezou a andar igual que antes. De novo. A mesa da cea estaba a medio recoller. Un anaco de turrón esmorecía nun prato e no fondo das copas do viño víase unha pegada granate, seca, sen vida…
Logo duns días deuse conta de que non era un ano novo. Eran moitos anos novos que xa botaran a andar e que xa pasaran. Iguais. Mirou arredor de si. Cambiaran moitas cousas. No taboleiro do despacho había fotos novas e nos andéis xa non quedaba espazo para máis libros. A enredadeira cubría a parede do balcón. No cuarto verde a cadeira de rodas agardaba pola súa inquilina. O cuarto azul deixara de ser un misterio…
Pero a esencia de todo pouco cambiara. Aquel silencio seguía alí, amortiguado ás veces polo son das gotas de chuvia, polos sinais xordos das rodas dunha maleta, ou polo frío brillo dun coitelo contra a chaira…

jueves, 25 de diciembre de 2014

LUCÍA

Falsas palabras
 Esmeralda

Tan sequera sei por que collín o teléfono. Nunca o fago cando non sei de quen é o número que aparece na pantalla. Sorprendeume a voz ao outro lado. “Ola! Canto tempo sen saber de ti!”

Lucía sempre fora así, hoxe estou, mañá xa veremos. Os meus miolos preguntábanse como era posible que dera co meu número, pero ata me alegrei un pouco de escoitala de novo, aínda que sabía que se me buscara era porque lle cumpría algo. Lucía era desas persoas que botan palabras a esgalla, desas que cunha man dan e con outra sacan. Nunca perdía detalle de canto escoitaba e tiña unha capacidade abraiante para levar as conversas ao seu terreo, iso si, sen perder o sorriso.

O día non estaba para cafés de terraza, pero alá marchei. Non cambiara nadiña, agás aquel pelo que eu lembraba castaño e que agora tiraba máis a vermello que a outra cousa. Empezou a falar, a preguntar, a sorrir e a mover as mans coma se quixese arredar de si ata o aire. Con esa xente eu adoito ser de “Si. Non. Todo ben, sen novidades”. E chegou a cuestión, o motivo do encontro. “Poderíasme botar a man con isto? O problema que teño é moi grave e sei que ti coñeces xente que...”

“Habería que velo...”

Non lle debeu gustar a cara que puxen porque, de repente, mirou o reloxo e púxose en pé. Sen perder o sorriso e sen deixar de falar, envolveuse no abrigo e acabou por desexarme unhas boas vacacións.

Quedei coas ganas de contarlle por que non me gustaba a calor asfixiante do verán, que a chuvia tamén é detestable, que as brétemas traen malos agoiros e que un mundo sen luces é un inferno, pero foi tan breve o encontro e tantas as palabras que saían despavoridas da súa boca que, sen saber a razón, quedei sen fala.

Tanto ten. Paguei os cafés, abrochei a chaqueta e saín á rúa.

viernes, 19 de diciembre de 2014

"FLORIPONDIOS"

Hai uns anos, creo que catro (que merda de memoria!), casou unha moza ben guapa. A voda era de moito "postín". Os mozos con chaqué (non todos). As mozas con traxe por enriba do xeonllo, pero non moito, e con tocado ou pamela. Protocolos.

O caso é que me invitaron a participar da festa e como teño especial benquerencia pola moza e pola súa familia, alá marchei, con vestido por enriba do xeonllo, pero non moito, e con tocado no pelo. Un recollido sen recoller, cheo de pinzas e lacas, e o "floripondio". O "floripondio". Alguén me dixo cando saía da casa "daquesta guisa", que non era eu, que máis ben parecía un agasallo ca unha muller adulta con firmes principios sobre a liberdade de imaxe, pois a lazada do vestido e o "floripondio" non me pegaban nada. Pero alá fun.

 Foto: Xulio Pazo
Foi un día bonito, cheo de emocións. Ata me romperon as medias invisibles esas e quedaron non lixo. Pero foi un bo día... A pesar do tocado, das sandalias, das medias, do vestido e do puto lazo. Foi un bo día!

Agora miro atrás, como fago tan a miúdo e penso... Mereceu a pena o esforzo de gastar tantos euros non disfrace?

Son virgo por nacemento dentro do calendario occidental e rata polo calendario chinés. Non creo nestas cousas, pero leo. Ás veces. Ás veces leo moitas cousas. E vexo moitas máis. E abofé que penso en tanto desperdicio...

O Nadal, para min, é algo así, coma un "floripondio" que nos colocamos cando non queremos ver a realidade, coma cando os vidros nos nosos lentes se enturbian co bafo do aire ou coas pegadas dos nosos dedos e os limpamos cun pano para ter a certeza de que son os vidros os que non nos deixan ver a realidade.

Bo descanso a quen poida gozar del. Bo traballo a quen o teña. Iso é máis difícil. Por desgraza...


viernes, 28 de noviembre de 2014

E O TEMPO SEGUE INDO...

Está rematando novembro de 2014. Logo comezará decembro. Pouco queda para xaneiro de 2015... E para o 1 de setembro de 2015... Habédesme perdoar, pero xa empezo a pensar como a miña sogra e a miña nai: tés 54, andas nos 55 e vas para os 56.

Con Maside pásame algo semellante. Levo 23 anos traballando alí. Ando nos 24 e vou para os 25...

E pasáronme moitas cousas no intermedio. En Maside. Estou alí porque alguén se empeñou en que reclamase unha praza na súa escola durante o concurso de traslados do ano 1990. Sigo alí porque quizais en ningures atopei tanto agarimo nin tanto apoio, a pesar de ser rabuda e de andar a diario co ceño fruncido, dando berros polos corredores.

Agora, traballando na "casa nova", como eu lle chamo ao anexo que se constríu no recinto do Outeiro Grande, grazas á loita de Constantino e Quiroga (e mesmo miña, que algo tiven que ver), vexo de lonxe moitas mañás e moitas tardes no edificio da Alameda. Pedras e altas fiestras polas que entraba o sol. Entroidos e magostos, músicas, berros, cafés e estampidas fóra do recinto para fumar o cigarro sen que ninguén se decatase...

En Maside hai algo. Hai persoas moi boas. A Conchita da Carrasca e o seu irmán Rubén. O Suso pequeno, fillo da Amparo e do Suso. O Diego e a Clara, as crianzas de Celso e Rosa. O Iñaqui. A Úrsula, que traballa á veces na farmacia. O Iago "Canexón". O Pedro Botana. O Iván "Brechas". O Rubén e a Eva de Negrelle. A Tara, o Pablito, a Vanesa, a Merceditas e o Joni da Fontela...Fátima...Demasiados nomes e demasiadas caras... Das nais e dos pais... Perdón. Váiseme a memoria. Fáltanme imaxes. Sóbranme lembranzas... Ou non...

Entre o 2006 e o 2008 traballei na dirección do colexio. E houbo un feito, en xuño de 2008, que me chegou moito, moito adentro. Un rapaz ben guapo e ben forte, alumno do colexio, non se cortou nada, pasou por enriba de todos os protocolos, fixo isto:


Neste xesto vin todo. Neste xesto vexo todo o que, logo del, sigue sucedendo cada día.

Grazas, xentes de Maside. Grazas nenas e nenos, nais e pais. Grazas.

E o tempo sigue indo. En Maside. Agora está alí a miña Sariña. E mímoa e colócolle o pelo...


viernes, 14 de noviembre de 2014

O TEMPO VAISE...

O TEMPO VAISE...

Moitas veces pensamos que podemos reter o tempo. Pero el vaise. Vaise. Como se van as nubes. Como se vai o Sol. Ás veces o tempo leva consigo a outros lugares uns poucos doces que engaiolen, por uns momentos. Un piollo pequeno que eu coñezo colleu o mundo por monteira e marchou ao Sahara. Alá onde a merda da colonización española deixou indefensas, entre a area, a moitas crinzas. Segundo me contou á volta, gozaron daqueles almendrados do forno de Maside coma se aquilo fose manxar dos ceos.



Este é o piollo. No Sahara. Sorrinte.

Outras veces é ela, con esa expresión lánguida pero forte. Unha sobrevinte do fango e do asfalto. Unha deusa de ollos tristes e expresión alegre. Difícil combinación. Pero sei que ELA é...

Logo van os meus deuses mosquitos viaxeiros. Vale. ELes debían ir antes. Pero... Xa me matarán despois!

Agardo que o avión que os traerá de volta aterre á hora prevista no lugar adecuado. Non podería vivir sen eles.

Nin sen a Sariña... Nin sen Area. Nin si Héctor, Iria ou David... Pero sen estes dous sorrisos estaría morta. Son eles. Haberá no mundo algo máis grande?

O tempo váiseme e empezo a estar moi cansada. Non de camiñar cos pés, mais si coa cabeza.

 O tempo non se pode reter entre os dedos. Non para...

Boa viaxe, nenos.

domingo, 19 de octubre de 2014

EQUINOCCIO


Este é un equinoccio máis. Coma outros moitos. A luz do día foi minguando, como foi aumentando a escuridade das noites. Sei que ese momento pasou este ano xa hai uns días. Collín algo tarde o ritmo da luz. Voulle botar a culpa á auga.

A auga. Moito me gusta a auga, aínda sendo consciente de que a peor morte é aquela de quen morre afogando. Ou a peor é a do lume? O lume. Canta dor produce o lume!


Estas fotos son de hai moitos anos. Ou non tantos. Perdín a conta. Fíxoas Xulio, meu irmán. Daquela eran outros tempos. El experimentaba coa cámara. Eu cronometraba tempos. Eles buscaban atopar camiños na auga... E atopáranos. Eu tamén.

Xa podo descansar...