martes, 9 de agosto de 2011

QUE FACEMOS COAS CRIANZAS?



No UK, a cadea alimenticia por excelencia é TESCO. Neste supermercado pódese atopar de todo. Ata pementos de Padrón, por un alto prezo, por suposto.
Acabo de ler unha nova en  La Voz de Galicia respecto dos disturbios en Londres.
Todo ten o seu antes e o seu despois, pero chámame a atención que se diga que a xente sae de TESCO cos carros ateigados de pantallas de plasma, equipos de son e móbiles. Son cousas dos tempos que corren. Twiter, Facebook… Cousas que se moven a máis velocidade do que o meu entendemento alcanza. De outros locais saen con artigos de xoiaría ou de roupa… A xente que se move polas rúas despois das 20:30 da noite (hora local) é xente que non pasa dos 20 anos. É xente que sabe traballar con móbiles de última xeración e que se comunica a través dun teclado.
Eses disturbios teñen, coma todo, un antes e un despois. Supoño e confío niso. Do contrario, a miña andaina polo mundo tería moi pouco sentido e para iso, mellor morrer mañá.
Lembro que na nosa escala no aeroporto de Stansted (Londres), hai apenas unha semana e vía Preswick (Glasgow), precisei de ir aos servizos. Pegado á porta había un policía novo, branco de pel e co pelo louro rapado, que portaba nas mans un fusil e do seu cinto pendían dous pares de esposas, unha porra normal, unha extensible e unha pistola. El levaba chaleco antibalas e bisera. O seu rostro era un deses que falan por si sos: “Se te moves, mátote”. Miroume coma se fose unha delincuente estranxeira de 50 anos, sen maleta nin documentación. Baixei a cabeza humildemente e polo rabiño do ollo vin que deixou de mirarme e deixoume andar.
Pregúntome, polo tanto, onde está o fallo do sistema. Se, por unha parte, se pode saír dun local, logo de roubar impunemente sen que ninguén deteña nada, e por outra se amosa unha imaxe ameazante das forzas do orden público, onde está o equilibrio?
Estas cousas sobrepásanme, quizais porque o meu refuxio é tan pequeno que nel apenas caben catro correolas no eido das patacas e o doce asubío dos paxaros ao espertar de mañanciña. Quizais porque o meu mundo se reduce a ler novidades dos xornais sen entrar demasiado nelas. Quizais porque me vou facendo maior…
Estas cousas vanme grandes e temo polas xeracións vindeiras. Desde que son docente sempre me fixen a mesma pregunta: “Que facemos coas nosas crianzas?”

Vai pasar aquí o mesmo?

6 comentarios:

  1. A violencia da opresión enmascarada e visible, a falta de oportunidades, as inxustizas sociais, un sistema política ao servizo dun sistema capitalista depredador que enriquece a uns poucos, mentres trae a miseria, a escravitude a millóns de seres humanos. Matanzas como as da OTAN en Libia con millóns de euros en gastos dedicados á expolición do petróleo, que poderían paliar a fame negra e a morte por falta de alimento no corno de África e noutras partes do mundo. Estas inxusticias están no fondo de sucesos como os de Londres. A solución que propóñen é máis represión, máis policía pero non corrixir as causas da inxustiza.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Aquí, os nosos rapaces están a demostrar unha madurez abraiante. Dunha banda porque o 15-M somos todos, de outra porque algo terán aprendido ¿non si?

    ResponderEliminar
  3. Iso que dis que non che importaría morrer mañán...
    pero Concha, de verdade pensas que a humanidade vai a mellor?
    son escéptica no tocante ao "progreso moral", simplemente as barbaridades camúflanse, disfrázanse, envolvense en eufemismos e sutilezas.

    ResponderEliminar
  4. Eu tamén me preguntei se aquí podería pasar o mesmo e estou segura de que sí.
    Preocúpame moitísemo o uso que se poida facer (ou que xa se está facendo) das posibilidades de manipulación de masas de xente (xente nova e non tan nova tamén) a través das redes sociais. Paréceme unha arma moi perigosa que se pode usar ao servizo de escuros intereses disfrazados (quizás) de revoltas liberadoras.

    ResponderEliminar
  5. Algúns tentan xustificar estes feitos co tema da crises. Algo que ver terá pero non todo. Algo estamos a facer mal na sociedade, na educación, na familia para que unha parte da xuventude se comporte asi.

    ResponderEliminar
  6. pouco teño que engadir o que dís porque o dís todo e moi ben... o equilibrio, en calquera dos eidos da vida é difícil de conquerir, e menos cando hai emocións humans por medio.

    só espero que aquí non cheguemos a eso.

    biquiños,
    Aldabra

    ResponderEliminar