jueves, 15 de noviembre de 2012

O DÍA DESPOIS...

Curiosamente, no meu cole, hoxe ninguén falou da folga de onte, nin das manifestacións, nin da repercusión no sector público de ensino, nin de nada relacionado co tema... E iso que no xornal "La Voz de Galicia" (a única que se recibe), na portada, falaba do conto. Pero todo o mundo foi directamente ás páxinas centrais para ver o suplemento "La Voz en la escuela" e comentar o interesantes que eran os contidos. A min non mo pareceron tanto...
Non sei o que pasou noutros coles. Na miña clase onte seica faltaron catro nenos e nenas... A parte dos habituais de sempre, os que van e veñen, coma as ondas do mar...

Será que no ensino público galego todo vai ben? Será que os traballadores e traballadoras do ensino público de Galiza están conformes con todo o nos caeu enriba? Ou será que o medo lle atenaza as gorxas?

Se están conformes, vale. Respecto a súa decisión, pero que nunca máis me volvan falar de inxustizas sociais ou de inxustizas cara ao ensino público galego e aos seus traballadores e traballadoras.

Se non están conformes e teñen medo, gustaríame dicirlles que o medo non é bo conselleiro, que o medo couta a liberdade, que se actuamos con medo, de nada vale queixarse despois...

Porque, digo eu, se tanta solidariedade amosamos de boquiña coa sociedade, por que nos cruzamos de brazos e acodimos ao posto de traballo coma ovellas, por medo a que nos desconten no salario, cando as inxustizas son tales que o único que merecen como resposta é unha rebelión silenciosa pero activa de todos os sectores produtivos, incluídos nós?

Ou é que os traballadores e traballadoras do ensino público somos entes pasivos? Será que si...

Se é así, se a resposta é que no ensino non nos vai tan mal, que somos xente privilexiada porque temos un posto de traballo e non debemos protestar, nin por solidariedade, entón non sei se me dea de baixa, figuradamente falando (cómpreme o salario para comer, pero podo prescindir dun día), deste colectivo e continúe a miña loita en solitario.

Respecto todo, todas as opinións e decisións persoais, pero éncheme de carraxe que, logo de levar máis de dous anos botando pestes contra o que nos levan feito, como traballadoras e traballadores do ensino, despois de ver o que fixeron co ensino público galego, sigamos cos brazos cruzados sen saír ás rúas para manifestar ese desacordo. Non vaia ser que nos toquen o soldo!

Sei que non servirá de nada, pero polo menos, que nos quede a conciencia tranquila por telo intentado, que nunca, ninguén nos poida botar na cara que tivemos unha oportunidade para cambiar o mundo un pouco, pero preferimos quedar acochados detrás dos nosos privilexios de funcionarias e funcionarios públicos.

Ata cando?

5 comentarios:


  1. · ¿Miedo? ¿Egoismo? En cualquier caso, nunca podrán negar la realidad. Le aplastará... y serán partícipes.
    Ánimo Concha.

    · bqÑsmts

    CR· & ·LMA
    ________________________________
    ·

    ResponderEliminar
  2. Totalmente de acordo contigo, neste país hai moita xente que fala moito pero cando ten que dar a cara recúa e da marcha atrás. Somos moi valentes mentres non nos toquen os cartos pero no momento que podemos perder uns cantos euros, xa non existe solidariedade nin farrapos de gaitas. E por isto, así nos vai.
    Bicos

    ResponderEliminar
  3. A verdade está a vista de todos, e solo uns poucos néganse as evidencias.
    A verdade sempre triunfa.
    Saudos.-

    ResponderEliminar
  4. verás, léoche e tés razón pero cóntoche... eu non fixen esta folga... e xúroche que ata agora fixen todas as folgas xerais e as particulares nosas... e saio á porta do Arsenal os xoves para amosar o meu descontento... pero eu con esta folga non estaba dacordo... é o sinto... estou farta de uns e outros... nos manipulan os políticos e tamén os sindicatos...

    estou descontenta, é verdade, e vou as manifestacións pero non é momento de perder cartos cando xa nos está chegando ó vivo... probablemente sexa unha atitude egoísta, non digo que non pero é o que penso...

    e hai outra cousas da que non nos podemos olvidar... moitos dos que estaban nas manifestacións (falo de funcionarios), estaban porque tiñan o día libre por asuntos particulares o estaban de vacacións... alomenos aquí no Arsenal o fan moitos... eu fun consecuente... non fixen folga pero non me escondín... exercín o meu dereito a vir traballar igual que na outra folga exercín o meu dereito e me descoitaron os cartos... que aquí hai moitos que queren quedar ben con todos.

    en fin, son tempos malos... a este paso imos conseguir acabar todos enfrontdos.

    biquiños,

    ResponderEliminar
  5. Chego tarde a comentar pero que saibas que pola zoa da Coruña a folga foi un éxito.Mesmo teño unha escola privada diante da miña casa e estivo pechada. Por aqui só houbo os mínimos e a maioría dos nen@s e rapac@s non acudiron.
    Non te sintas soa loitando que somos moitos aínda que a Galicia interior semella estar chea de fachas ou covardes como denuncias ti.
    Unha forte aperta e a seguir loitando coma podamos.

    ResponderEliminar