sábado, 15 de junio de 2013

ALQUIMIAS


Nunca fun supersticiosa. Gústanme os gatos e as gatas negras, ando descalza a diario e prefiro pasar por baixo das escaleiras ca subirme a elas. Non obsatante, isto tenme traído algún disgusto que outro. Aínda teño na testa o sinal daquel anaco de tubo de chumbo que, logo dunha liorta co meu irmán, me caeu nela por “accidente” cando pasaba por baixo da escada de madeira do papá. As liortas entre irmáns e irmás, quen as entende? Os pais, as nais e tías solteiras.

As tías solteiras… E máis se, ademais de solteiras, son madriñas. Con elas, nas vidas, prodúcense os miragres. Quen non ten unha tía solteira non saberá nunca o que é a alquimia. Teñen unha capacidade tan grande para querer ás crianzas que non son súas que sae de calquera parámetro.

Sen ir máis lonxe. A tía Mari. Soamente meu pai, seu cuñado, lle chamaba Maruxa. E soamente ás veces, porque ela sempre se encabuxaba se non diciamos o seu nome completo: Mª del Carmen. Así, en castelán. Mal que lle pese, para nós, os seus sobriños e sobriñas, é a TÍA MARI!

E que grande fortuna é ter unha tía Mari na vida…! Coa tía Mari o anaco de tubo de chumbo convértese en ouro. Non é diso do que falan as alquimias? Porque, pregunto, haberá neste mundo algo tan grande coma o amor que as tías Mari verten nas fillas e fillos dos seus irmáns e irmás?
Neste momento duro para min rendo a miña homenaxe as todas as tías Mari que hai polo mundo. En especial á miña madriña. É a miña tía MARI.

P. D.: Se sabe que fixen isto exérdame pero, sabedes que? Tanto me ten. A herdanza que tiña que deixarme xa a teño. O seu amor é moi grande. O resto… Para quen o queira!

4 comentarios:

  1. Moa, hai xente moi dada ao agarimo que non se pide nin se aspera, simplesmentes da.
    Qué muller máis xeitosa.
    Deica entón

    ResponderEliminar
  2. Se se entera cápate.

    Asinado: O do cantazo

    ResponderEliminar
  3. pois eu quédome coa envexa porque eu non tiven nin teño ningunha tía soleira... miña madriña era a miña avoa (viúva desde xoven, si cadra tamén serve) é xa hai anos que marreu.

    pero alégrome por ti, e por ela.

    biquiños,

    ResponderEliminar
  4. parece que sinto que esta homenaxe é para miña irmá, a madriña do meu fillo.
    el sempre di que tén dúas nais. eu ata sinto algo de celos. Pero como el é a quen quero máis no mundo, alédame que teña dúas nais.

    ResponderEliminar