miércoles, 29 de junio de 2011

ARRIMANDO O OMBREIRO




Hai moitas cousas que me encabuxan. Seica son de xenio vivo, aínda que eu non opino o mesmo. Pero as que teñen que ver coa docencia supéranme. E explícome, non vaia ser que se pense que as e os docentes estamos sentadas/os na cadeira sen dar pau á auga.
Hai catro anos, logo de moitos de loita e renuncias, de desprestixios e insultos ao noso traballo, de perda de poder adquisitivo con varias conxelacións de salario, mentres se disparaba o IPC, en Galiza conseguírase unha mellora nas condicións de traballo, referentes ao horario laboral (que non de salario). O corpo de persoal docente non pedía máis: unhas condicións de traballo dignas. Porque o horario laboral do profesorado, lonxe do que se pensa, non se circunscribe ao de presenza no centro, senón que vai máis alá, ocupando mesmo as tardes de sábado e domingo, no domicilio. E desde o domicilio, quen se pode permitir ter unha conexión de rede, que non sucede en todos os casos.
Hai un ano xusto agora se nos anunciou un recorte no noso salario. E calamos polo ben común da “patria”, pois a pouco que mirásemos ao noso carón, viamos persoas que, pola crise económica brutal que sofre o estado, debida entre outras moitas cousas a unha mala xestión dos fondos públicos, estaba peor ca nós. Calamos. Non houbo mobilizacións, non houbo máis ca protestas que non levaron a ningunha parte. Ou si: a un recorte aínda maior nas pagas extraordinarias. E tamén calamos.
Pero aínda faltaba o encaixe que rematase a peza. Despois de diminuír os salarios e  as posibilidades de acceso á función pública docente, tanto no corpo de ensinantes de Primaria coma no de Secundaria, a xefatura da nosa empresa vai e recorta eses dereitos adquiridos (logo de 30 anos de loita, en 2007), anunciando que se nos vai incrementar o horario de permanencia nos centros de traballo. Igual ca hai 25 anos. Fannos andar para atrás.
Isto trae como consecuencia que un bo número de profesorado interino e substituto vai quedar na rúa; que outro bo número vai ter que trasladarse de centro obrigatoriamente por falta de horario; que outro en expectativa de destino vai ter que seguir vagando de forma provisoria, ano tras ano, de centro en centro, sen saber moi ben onde vai acabar cos seus ósos; que cada vez vai ser máis difícil acceder ao ensino público. Mellora isto a calidade do ensino? A Administración Educativa que nos goberna di que si e vende nos xornais e noticiarios de televisión e radio que esta medida vai favorecer a mellora e calidade do ensino público, pois así o profesorado vai ter máis tempo para apoios á diversidade, o que vai tamén contra a inclusión nos cadros de profesorado de mestres e mestras especialistas en PT e AL, que son quen realmente están preparados e preparadas. Xa. Mentres amplía os concertos educativos a centros privados. Non hai cartos para manter un ensino público e de calidade, mantendo os rateos de alumnado, non hai cartos e hai que recortar salario. Non hai cartos e hai que reducir os cadros de persoal e unificar centros de FP e IES. Pero hainos para concertar centros privados.
Pregunto onde está a defensa do Ensino Público galego e de calidade que tanto predican. Porque se vai considerar, segundo di o borrador do decreto deste cambio de horario, que agora vai haber que dedicar parte do horario de docencia a vixiar o transporte escolar e apoiar ao alumnado con Necesidades Educativas Especias. Que sei eu de autismo, parálise cerebral, ou similares? Iso non verte na mellora, pois na Universidade non se nos faculta para vixiar ou apoiar de forma eficaz e eficiente casos así. Para nada. Como tampouco verte na mellora a reconversión de IES.
E que non se engane a sociedade, pois detrás de todo isto hai un ERE encuberto que a propia Administración se encarga de tapar, enganando a opinión pública.
Supoño que nos tempos que corren todo o mundo ten que arrimar o ombreiro, pero fáiseme que a clase política que nos representa é a que debe dar exemplo, recortando os seus impresentables gastos de representación. Se queren que o país vaia adiante, por que non ocupan o seu tempo libre a traballar de balde para sacar o país adiante, sen recortar por todas partes os dereitos sociais? Porque creo que o soldo que cobran por dedicación exclusiva póñeno eles e elas.
Pero sempre é máis doado baixar o pau no lombo das persoas máis débiles, así que logo de seguir pagando con diñeiro público a centros privados, logo de recortarnos o salario, o mellor é aumentar as nosas horas de traballo. Por moitas horas que pase no centro, o traballo para a docencia na miña casa non mo saca ninguén de enriba. Nin a min nin a ningún traballador ou traballadora do ensino público.
E isto encabúxame. Moito. Non teño moitos anos de servizo na docencia. Apenas 28, pero a verdade, pasar tantos anos reivindicando melloras, conseguilas e agora que mas saquen, sácame das casiñas. Non podo evitalo.
Seguirei manifestándome. Abofé que si. E ata non sei se me sume á marea de indignación contra esta clase política que fai fortuna a costa de recortes no benestar social a favor do privado. Non creo que perda moito. E se o perdo, malo será que non o recupere algún día! E se non o recupero, tanto ten. No cadaleito soamente ha de ir o meu corpo. O resto vai quedar aquí.

5 comentarios:

  1. Tes toda a razón, neste mundo non hai sitio para os covardes e cando alguén intenta roubarnos os nosos dereitos, hai que loitar e ser valentes.
    Bicos

    ResponderEliminar
  2. Estou dacordo con todo o que dís, Concha. A educación dos nosos nenos é a base do que pode ser o noso futuro e habería que cuidala moito moito.

    Os políticos só pensan neles, é que non consigo atopar outra explicación.

    Biquiños,
    Aldabra

    ResponderEliminar
  3. Moito animo, e todo o meu apoio, xa está ben de que sempre paguemos os mesmos as crises. Toda Galicia está con vosoutros.

    ResponderEliminar
  4. No fondo, o que hai é un absoluto desinterese polo ensino público por parte de todas as administracións, central e autonómica. E iso non é novo; a novidade está só na forma e no contexto.

    ResponderEliminar
  5. Bueno, pois xa es do colectivo Os Indignados; que non foses acampar a unha praza, non te pon menos cabreada!
    A min ponme triste, en vez de carraxe dame pena todo. Será que son algo derrotista, que non confío na humanidade como xénero. Confío nas persoas, unha a unha, iso sí (e para iso non en todas, por suposto)

    ResponderEliminar