domingo, 22 de mayo de 2011

RETRATOS SOBRE SEDA

Dúo

Do teito penduraba unha lámpada espida e dúas arañeiras competían nunha esquina por ver cal era máis grande. As portas do armario perderan as pechaduras e deixaban ver polas crebas pilas de roupa sen corpos que as habitasen.  Na mesiña, na que quebrara xa o cristal, descansaba un cinseiro cheo de cabichas e restos de noites perdidas en conversas inútiles. Os lenzos que protexían a fiestra mareleceran había anos co sol do solpor. Na alfombra repousaba unha antoloxía da lírica medieval castelá, coas follas axadas e aberta pola páxina setenta e cinco. O leito estaba cuberto por unha sobrecama esfiañada, tecida noutrora a gancho por sabias e dilixentes mans, agora entumecidas pola artrose. A madeira do chan perdera o seu verniz alí onde as patas da cadeira, que servía de colgadoiro, deixara os sinais da súa andaina. Detrás da desconxuntada porta que daba ao corredor, unha camisa pedía a berros que alguén a rescatase do cravo que a tiña presa. As paredes brancas zumegaban inquedanza e nas físgoas da pintura pousaba un estraño po gris, solidificado polo abandono.

Todo estaba rodeado por unha espesa néboa de sentimentos e apenas se podía percibir a respiración daqueles ollos sorprendidos polo baleiro. Todo quedou en silencio. Todo deixou de ser para non ser nada máis ca un berro afogado pola frustración e polos anos perdidos.
 
E todas as miradas se volveron aos diminutos retratos, debuxados sobre seda.

11 comentarios:

  1. Todas as miradas encerran algo, sentimentos, sentir, tempo, agarimo...
    Saudos.-

    ResponderEliminar
  2. Unha casa vella e soitaria, tal vez. Un pasado, unhas enrugas, case toda unha vida retratada nas paredes...

    ResponderEliminar
  3. Un manto de dolor y tristeza cubre el dibujo descrito.

    Saludos desde El Bierzo

    ResponderEliminar
  4. Canta tristeza nas túas palabras, parece que todo estea envolvido en halos de duelo, en berros de silencio.
    Quedo coa alma chea de po.

    Concha, un pracer lerche, foi moi fermoso, e moi triste
    Saúdos

    Ío

    ResponderEliminar
  5. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  6. Detrás dese retrato da desolación, do baleiro, das tebras, da frustración, tivo que habitar un día, a luz, o corazón, a paixón e a esperanza, para que os ollos se asusten do baleiro
    Moi fermoso, anque triste.
    Bicos

    ResponderEliminar
  7. ...en cando miran a fermosura do tecido, axiña hai quen se decata de quen teceu con tal maestría o fondo, non era máis que un simple capullo!

    ResponderEliminar
  8. sobrecolledor... ó leer teño a impresión de que este tempo que pasou é lóbrego de mais.

    biquiños,
    Aldabra

    ResponderEliminar
  9. Ben podería ser a descripción dun decorado de peli de suspense. Gústame o contraste entre o fermoso do texto e a tristeza da mensaxe. Saúdos.

    ResponderEliminar
  10. Parece un contrasentido pero é fermoso este relato enchoupado de baleiro e abandono.

    ResponderEliminar

  11. · Eres una artista de la descripción. Creas un ambiente mágico... y terminamos en dos mínimos retratos.

    · bicos

    CR & LMA
    ________________________________
    ·

    ResponderEliminar