domingo, 27 de marzo de 2011

TECNOLOXÍAS


Inmóbil

Acabei maxisterio no mesmo ano que cumpría os 22 e comecei a traballar, logo de aprobar as oposicións no ano 1983, sen chegar a cumprir os 24. Daquela tiña outras metas e ningunha delas pasaba por seguir estudando. Andando o tempo dinme conta de que me faltaba algo: información e formación, moita formación. Entón decidín volver á Universidade, coma unha alumna máis, agora que o que me sobra é tempo. Ou a min é o que me parece.
E velaí que me atopo cada semana rodeada de persoas estudantes coma min, pero da idade das miñas crianzas. Elas teñen a forza para dedicarlle todo o esforzo necesario a cada asignatura. E empregan moi ben as novas tecnoloxías. Eu soamente teño tempo, experiencia docente pero uso as tecnoloxías daquela maneira. O que estudo ten moito que ver coa docencia. E doume conta de que ás veces, a experiencia é a mellor mestra, pois dá unha visión global do feito de ensinar e de aprender. Pero tamén o son a información e a formación continuada e as tecnoloxías. E as voces da xente nova que aínda se comporta coma o que é, estudantes que acollen con certa desidia os discursos do profesorado… E véxome eu coma docente, tentando poñer orden no caos dunha clase á que non lle interesa demasiado o que transmito, quizais porque non son capaz de transmitir, ou porque me falta a empatía necesaria para convencer, ou porque é tanto o que quero transmitir, que me perdo no discurso. Ou porque non uso as tecnoloxías, ás veces.
Pero tamén me vexo coma alumna, ás veces aburrida, pois ou non entendo o que me contan, ou porque quen o conta non ten graza para facelo e o seu discurso, sempre cheo de ensinanzas, deixa de ter interese.

Nisto da docencia é fundamental conectar coa xente nova, chea de intereses diferentes aos das persoas adultas, poñerse á súa altura, sen perder a autoridade moral e de feito que a idade nos dá a quen ensinamos. E iso é moi difícil, pois require un dominio permanente da propia maneira de ser e do temperamento e un coñecemento exhaustivo da realidade cotiá de cada alumno e alumna. Tamén é necesario ter en conta os tempos que nos marca o alumnado, tempos considerados un a un, pois ninguén ten a mesma maneira de percibir e interiorizar as ensinanzas. E, por suposto, evolucionar no tempo, adaptarse aos cambios vertixinosos da sociedade, ás súas sempre cambiantes formas de amosar a realidade. E refírome con isto ao uso de tecnoloxías, pois sei que, sendo unha arma moi eficaz e eficiente para transmitir información, nunca poden deixar de ser un instrumento máis.

É por iso polo que penso que todos estes proxectos de introdución “a saco” nas novas tecnoloxías me parecen en certo modo perigosas e moitas veces, carentes de contido, xa que podemos chegar a pensar que poden substituír ás persoas e moitas veces, mesmo as podemos empregar para darnos un respiro no labor diario. Pero son armas necesarias e moi útiles para manter a atención do alumnado.

Non me nego á introdución das tecnoloxías no ensino, ao contrario, pero penso que nada pode encher o oco das persoas, pois o ensino ten que ser sinónimo de humanidade, de sensibilidade, de achegamento a esas outras persoas sedentas de comunicación directa, de contacto real cun entorno diferente ao da familia, pero complementario e prolongación del. E as tecnoloxías carecen dese punto de contacto humano, de presenza e de roce, de diálogo real, en tempo real e cara a cara.

Claro que, nos tempos que corren e tendo en conta que as crianzas nacen case pegadas a un monitor, a un rato e a un teclado, a única maneira de manter o seu interese ás veces é empregando un monitor, un rato e un teclado. Quizais é por iso polo que decidín volver á Universidade. Para aprender a manter o interese do meu alumnado, a pesar dos cambios tan grandes que se produciron no ensino, logo de 27 anos. E abofé que estou aprendendo. Soamente me falta aplicalo no día a día da miña aula, pero estou niso. Pouco a pouco. Cos anos volvinme máis lenta, pero máis segura, pegada tamén a un monitor, un rato e un teclado.


lunes, 21 de marzo de 2011

SILENCIOS


Burbuja
Xulio López

De silencios me cubro
y ante ellos me descubro,
mutismos cadenciosos,
envueltos en sonidos,
que se enredan en mi pelo,
y que, a la deriva, vagan
entre luces que se encienden y se apagan,
entre hebras de almíbar pegajoso,
entre besos rotos y recuerdos…

Y en la mudez desvanezco y huyo,
presa mi alma en mil enredos,
en sutiles laberintos de palabras
que lleva el viento.

Si las brumas que respiro
sigilo fuesen
y no zarandeasen sin descanso
mi débil aliento,
tal vez los estruendos mudos que escucho
serían, solamente,
callados y reservados silencios.

 

miércoles, 16 de marzo de 2011

BOSQUE DE BAMBÚ


Bosque de Bambú
Arashiyama - Kyoto
Xapón


Rescatei da arca da lembranza esta foto, aínda que o lugar cae algo lonxe do centro do desastre. Alguén a trouxo hai catro anos do Xapón, pechada na tarxeta dunha pequena cámara Cassio de cor vermella e que aínda conserva o autocolante coa inscrición en xaponés. Son cousas que gardo coma un prezado tesouro, pois daquela, quen fixo a foto era apenas un adolescente que fora de viaxe de estudos a ese país no que todo é orden, disciplina, calma e luz. Un adolescente que veu marabillado polo moito que a cultura xaponesa tiña para aportar ao resto do mundo.

Non podo describir o que penso e sinto sobre o que está a ocorrer nese fermoso, pero comprimido país. E imaxino a cicatriz que quedará na memoria de quen poida contalo o día despois desta desfeita. Hoxe lin nun xornal unha frase dunha xaponesa; dicía algo así como que "Saímos doutras peores". E visto o visto, xa soamente queda non perder a esperanza, pero traballando para que a Terra, xa ben revolta e viva de seu, se rexerenere a si mesma, sen meter nós, coa nosa cobiza, as mans na súa lenta pero segura transformación. Dependemos dela e sen ela somos ninguén.

Como podemos seguir no pensamento necio de que a Terra nos pertence?

jueves, 10 de marzo de 2011

EN BRANCO E NEGRO


Movimiento armónico

Van e volven, ao harmónico son da airexa e describen finas liñas que se perden nese horizonte a dúas cores, no que todo é branco ou negro, por pura lóxica, en branco e negro. Os grises son casualidades.

Non sei se todo é así, ou se o resto das cores do Arco da Vella son tamén casualidades. Quizais casualidades que dependen dun prisma. Non entendo de física. O que si sei é que moitas veces o noso mundo desdóbrase en dúas cores, coma as dos soños: o branco e o negro, sen que as irisacións dalgúns fiticios sorrisos tingan as herbas, a terra ou o ceo. E nese mundo a dúas cores móvese a indefinición, a falta de horizonte, o errático camiño que seguimos, buscando o lugar que queremos ocupar no mundo, deixando de lado o que quen nos rodea quere que ocupemos. E moitas veces sentimos que somos inútiles, que se nos considera inútiles, que se ve o noso labor coma un fracaso, pois non produce beneficios que nos afasten da fame e da miseria. Porque sempre hai a carón de nós quen prefire vivir na opulencia das cores do Arco da Vella, sendo quen as demais persoas agardan, ca ser unha mesma, en branco e negro, sen liñas e sen horizonte. Ou, simplemente, con esas liñas en branco e negro que se moven harmonicamente ao son da airexa, porque queren ser movidas, soamente pola súa propia airexa interior.

miércoles, 9 de marzo de 2011

ÁNGELES DE HIERRO


Hai un tempo vin esta película, que vos recomendo, pois encerra o significado do 8 de marzo ao longo da historia. E porque penso que 8 de marzo debía ser cada día do ano. 



“Cando se empeza a arar, non se deixa o suco”.


A loita iniciada nun principio con entusiasmo, pouco a pouco vaise tornando violenta ao teren que se enfrontar as protagonistas co rexeitamento dun mundo de homes, gobernado por homes, no que o papel das mulleres debía relegarse ao matrimonio, ao coidado das crianzas e da casa, sendo submisas, sen opción a réplica.

Neste mundo ten especial relevancia o papel desempeñado por unha sufraxista (Anjelica Huston), que se define a si mesma coma feminista, non obstante adopta un rol totalmente masculino. A súa ambición política lévaa a rexeitar a oferta de colaboración do grupo de mulleres encabezado por Alice Paul, chegando a negarlle apoio nos momentos máis difíciles e quen só decide apoiala cando atopa que pode sacar rendibilidade política.

Outro personaxe relevante é o senador quen vendo a firme decisión da súa dona de seguir na loita, chegando a estar encarcelada, acaba por rectificar a súa actitude e decide sacar á luz os malos tratos dos que son abxecto unhas mulleres que foron presas sen unha causa, simplemente por “obstruír” a rúa e desposuídas de todos os dereitos coma persoas. Este home é capaz de ver que o que fai a súa dona, o fai polo futuro das súas fillas.

Así mesmo destacaría o papel da celadora da cadea quen se amosa ao principio inflexible, cun comportamento totalmente masculino, exercendo o seu poder e dominio sobre as mulleres encarceladas, recurrindo aos celadores para que exerzan ese poder directamente, e non obstante é capaz de darse conta de que o que están facendo con elas é totalmente vexatorio e inxusto, converténdose así en “emisaria” de tales inxustizas.

Chamoume a atención un pequeno detalle dun soldado, xa maior seguramente veterano de guerra que, cando están diante da Casa Branca se achega e felicítaas pola súa valentía e o seu tesón. Isto vennos demostrar que na sociedade patriarcal na que se desenvolveo film había homes “disidentes” de todas as idades, quen non se recreaban na violencia para submetelas. É coma se o feito de ser soldado o identificase con calquera tipo de loita.

De todas formas, para min o papel máis valente de todos é o da dona do senador. Quizais porque son nai entendo o sofrimento que tivo que supoñer deixar ás súas fillas para loitar polo seu futuro, fóra do ámbito familiar. Conquistar o voto para as mulleres é conquistar unha pequena parte do futuro doutras mulleres e sabe que as súas fillas son o futuro. Non só é importante polo valor do feito e da persoa en si, senón porque é capaz de transmitirlle ao seu marido e ás mesmas nenas o seu espírito de loita, o mesmo que a nai de Alice cando lle di, logo de morrer a súa compañeira, que non pode abandoar.

En si, o mundo das mulleres, aínda que aparentemente avanzou moito no mundo occidental, segue a ser un mundo vetado a moitas, posto que o feito de que vivamos nunha sociedade tan patriarcal aínda, dominada por valores relixiosos, segundo os cales as mulleres son meras transmisoras de vida pola graza divina, e no que as políticas sociais protectoras de sectores desfavorecidos historicamente, coma o das mulleres, fai que sigamos vivindo baixo ese teito de cristal que nos impide, por mor da maternidade e da educación que nos inculcaron, chegar a acadar postos de relevancia na sociedade, sen perder por elo os nosos dereitos como mulleres e como nais. Por outra parte, sigue habendo profesións masculinizadas e certas carreiras universitarias están “copadas” por homes e as mulleres que acceden a elas son consideradas coma intrusas.

Para min, que descoñecía este filme, foi todo un descubrimento. Interésame este tema posto que desde a óptica da docencia, vexo que as nenas siguen estando, en moitos casos, mal consideradas polos seus compañeiros, quen as ven ás veces coma meros obxectos, tal vez inducidos pola publicidade e porque se sigue transmitido esa imaxe das mulleres como seres febles e dominables, cousa que este filme desmitifica.

Resultoume moi emotivo, pois ata certo punto e salvando as distancias temporais, vin reflictidas a moitas compañeiras que adicaron no seu momento e siguen adicando parte dos seus esforzos a loitar polos dereitos das súas iguais e polos dos homes que entenden que as mulleres somos unha parte moi importante na construción da sociedade.

miércoles, 2 de marzo de 2011

GRAZAS


Aura

Un día ocorréuseme escribir cousas, o mesmo que a meu irmán máis novo se lle ocorreu empezar a facer fotos. E velaí que descubrín que moitas das imaxes que Xulio López retiña nunha foto encaixaban con cousas que eu escribía. E velaí tamén que, logo de pedirlle permiso, empecei a colocar neste espazo fotos feitas por el, acompañadas polos meus textos. O resultado é o que hai aquí e o que vedes e ledes. Tamén é certo que non todas as fotos levan a súa sinatura, ou non fago referencia a súa autoría. Esas son das que ás veces saen da miña pequena cámara, unha desas que non teñen abelorios varios e que son sinxeliñas de usar, pois eses aparellos non son o meu.

Xulio López, ou mellor, Xulio Pazo  quere agradecervos a todas e a todos os vosos comentarios respecto das súas fotos e non se me ocorreu mellor maneira de facervos chegar o seu agradecemento ca este texto que agora ledes.


Todo un pracer compartir convosco imaxes e pensamentos, tanto da súa parte coma da miña.

lunes, 28 de febrero de 2011

SOMBRAS


Anxiety troubles me

Viúva de aromas, de luces, de cores,
do canto sutil da herba, da fermosura,
perdida nos labirintos da loucura,
vaga presa de dúbidas e temores...

 
Perdeu o seu peito, da graza os resplandores
que aleitaban xenerosos a dozura
e porta no seu frío ventre a amargura
concibida pola ausencia dos amores.

 
Infeliz alma, afogada en tormentos,
cos ollos secos, baleiros de esperanza,
rosma entre dentes os escuros lamentos

 
que, enmudecida, a súa voz non alcanza
a pronunciar e, baleira de contentos,
esvaece desolada na lembranza.

viernes, 25 de febrero de 2011

ASOMANDO...



Hai alguén que xa foi asomando o nariz a este estraño febreiro, pois non quere perder nin unha raiola, non vaia ser que a súa beleza quede oculta tras a explosión das outras flores, cando chegue a primavera.

jueves, 17 de febrero de 2011

CIDADE DA CULTURA




Que si. Que está moi ben. Que é un edificio fermosísimo, pero case baleiro, no que se dilapidou unha fortuna que Galiza non ten, mentres se estaban, están e estarán facendo recortes nos gastos sociais máis esenciais. Co que se gastou aí (e co que queda por gastar), entre outras cousas, creábanse unhas cantas empresas e promocionábase a xoves emprendedores e emprendedoras (que en Galiza hainos/as a centos, pero fúganse fóra porque aquí non teñen futuro) e creábanse postos de traballo para a xente dunha Terra que sempre estivo esquecida pola súa propia clase política, nacida aquí, criada aquí, pero que polo que se ve, sigue vivindo de cara á galería e dilapidando, repito, unha fortuna real en facer adornos case inútiles, simplemente porque seica queda moi ben de cara ao mundo exterior.

Gustaríame chegar a ver o día en que se amortizase, euro a euro a inversión feita, pero dubido que chegue a vivir tantos anos para iso. Mentres ireime conformando con ler como se vai progresando no moito que aínda queda por facer aí. E de paso, vendo como a nosa xente nova vai emigrando fóra de Galiza e de España, para buscar algo co que vivir dignamente.

lunes, 14 de febrero de 2011

XXIV - TE QUIERO




Te quiero sin estrías,
sin surcos degradados.
Te quiero sin torpezas,
sin silencios apagados.

Te quiero sin adoquines rotos,
sin cuerdas destensadas.
Te quiero sin ruidos estridentes,
sin solitarias madrugadas.

Te quiero sin ocasos oscuros,
sin necias luces deslumbrantes.
Te quiero sin músicas, sin sonidos,
sin tumultos agobiantes.

Te quiero así, esencia pura
de mi sombra emergente,
sombra de mi sombra tú,
sombra yo de tu piel caliente.

En tus amaneceres, te quiero,
me quieres en mis ocasos distantes.
Cerca o lejos, esencias únicas,
somos sólo amor, almas errantes.