lunes, 30 de diciembre de 2013

QUE HAXA PAZ...

Lagoa de Maspalomas
Gran Canaria

E xa que imos comezar un novo ano, quizais fose mellor deixarse dunha vez de parafernalias e amosar a face descuberta, non como fan quen pensan estar en posesión da verdade absoluta. Porque quen así pensa, mira o mundo desde o cume da súa arrogancia e cuspe o veleno que leva dentro coa única intención de non morrer con el, se morde a súa propia lingua. Claro que, para que esa xente sobreviva, ten que haber ao seu carón quen teña a lingua destrozada e o fígado podre por tragar a pezoña que lle cuspen…
 
Barranco de Guayadeque
Gran Canaria
 
Ata que un día estoupe todo e o cinismo, a hipocrisía e o veleno zarrapiquen a quen se dedican a repartilo. Pero iso é ben difícil que pase, xa que as linguas pezoñentas saben ben que as inofensivas, precisamente pola paz que posúen  en si mesmas, nunca lle devolverán o esgarro. Ou si. Quen sabe?
 
Pois iso.

Que haxa paz.

sábado, 21 de diciembre de 2013

SOLSTICIO DE INVERNO

Praia de Las Canteras
Las Palmas de Gran Canaria

Así, ao pronto, veume esta imaxe á retina e, como son rapaza aguda, busquei nunha carpeta e atopei esta. Non é de hoxe, pero ten poucos días. Apenas 30. Que é un mes en toda unha vida?

Porque caeu outro solsticio, grazas á Fortuna. Grazas á Fortuna que o imos vendo. Grazas á Fortuna e á xenerosidade de moitas xentes, outras xentes seguen a contar solsticios e séguenos vendo. Non pido nada máis para esta longa noite: XENEROSIDADE. Porque hai un dito que di "Arrieiriños/as somos e no camiño nos veremos". E nos camiños cómpre moita xenerosidade e moita saúde para poder dar e repartir daquelo que temos para ir tirando...

Xa queda menos para o próximo equinoccio...

Feliz descanso, quen o teña. Quen non teña descanso, porque non pode telo, feliz tarefa!