miércoles, 19 de febrero de 2014

IX - A VIAXE

Park Circus
Glasgow - Escocia

Debían ser as once da noite cando acordei nun banco daquela estraña praza. Facía bastante frío e chovía. Todas as farolas estaban acesas e non se vía a ninguén pola rúa. Polas fiestras daquelas casas vitorianas apenas se vía luz, como se estivesen desertas.
 
Non sabía como chegara alí. O meu inglés era correcto, pero non moi fluído, así que imaxinei que o taxista non me entendera, pero logo algo me lembrou que aquela tarde non collera ningún taxi. Sabía que desde as catro da tarde andara de pub en pub, cos meus novos compañeiros de traballo.
Achegueime a un portal polo que se vía unha luz acesa e timbrei. Ninguén contestou. Nese momento, un coche da policía parou diante de min. Os axentes baixaron e pedíronme a documentación. Cando metín a man no peto, non atopei a carteira, así que leváronme á comisaría. Expliqueilles que acababa de chegar á cidade e traballaba nunha empresa local, filial dunha española e que me aloxaba nun hotel, preto de Hutcheson St. Dinlle todas as señas, pero saíron e pecharon a porta. Supoño que quedei durmido coa cabeza enriba da mesa. Non sei canto tempo pasou, pero volveron entrar cunha orde de deportación. Insistín en que chamasen á empresa e pedisen información sobre min, pero dixéronme que xa o fixeran e que non existía, como tampouco existía o hotel no que dixen que me aloxaba e no que deixara todas as miñas pertenzas. O único que si sabían era o meu nome, pois seica estaba rexistrado na alfándega.

 Nalgunha das casas de Park Circus
Glasgow - Escocia

Ao cabo de dúas horas estaba subindo a un avión de volta a España, sen equipaxe, sen traballo e sen nada…

miércoles, 12 de febrero de 2014

PESAS... E PESARES



Non me tería importado chegar algo máis cedo se soubese que arreglaba algo, pero sempre tiven as miñas dúbidas sobre eses minutos de máis, á porta do cinema, nos que se adoita aproveitar o tempo para falar de como nos vai indo a vida. E na nosa pesaban máis as diferenzas que as coincidencias…

Había demasiado tempo que aquela treboada entre nós pasara e, a pesar de que xa estaba todo aclarado (ou así me parecía), cando me chamou para invitarme a ver a última estrea do cinema español, percibín na súa voz un aquel de reproche, non sei moi ben por que, nin a que viña a estas alturas. Pero si percibín que algo moi pesado seguía traendo no peto da lembranza. Aceptei a invitación sen pensalo demasiado, pero ao ir chegando o día, dinme conta de que fora un erro, como tamén o sería desdicirme do meu si. Así que cheguei xusto cando ían pechar as portas da sala e, ao rematar, díxenlle sen máis: “Foi moi agradable, pero teño présa e marcho. Mañá dou unha conferencia sobre pesos e medidas e a súa influencia na economía moderna”.

sábado, 1 de febrero de 2014

TROPEZO...

Grazas, Enrique


E así, coma quen non quere a cousa, foi pasando o tempo.


Foi pasando cada día diante dalquel cadeado que había ao pé da beirarrúa. Nunca se lle ocorrera pensar por que estaba alí, ata que tropezou con el e os papeis que levaba saíron nunha escorrentada branca cara as lousas. Pero aquel día, logo recuperar o equilibrio e recoller aquela marea branca tinguida de manchas negras, azuis e vermellas, aquel día deu en cavilar na súa sorte e deuse conta de que, no fondo, non fora tan mala.

E así, sen máis, un sorriso asomou ao seu rostro, coma se acabase de descubrir a felicidade naquel inoportuno cadeado que estaba alí, quen sabe desde cando…