lunes, 30 de diciembre de 2013

QUE HAXA PAZ...

Lagoa de Maspalomas
Gran Canaria

E xa que imos comezar un novo ano, quizais fose mellor deixarse dunha vez de parafernalias e amosar a face descuberta, non como fan quen pensan estar en posesión da verdade absoluta. Porque quen así pensa, mira o mundo desde o cume da súa arrogancia e cuspe o veleno que leva dentro coa única intención de non morrer con el, se morde a súa propia lingua. Claro que, para que esa xente sobreviva, ten que haber ao seu carón quen teña a lingua destrozada e o fígado podre por tragar a pezoña que lle cuspen…
 
Barranco de Guayadeque
Gran Canaria
 
Ata que un día estoupe todo e o cinismo, a hipocrisía e o veleno zarrapiquen a quen se dedican a repartilo. Pero iso é ben difícil que pase, xa que as linguas pezoñentas saben ben que as inofensivas, precisamente pola paz que posúen  en si mesmas, nunca lle devolverán o esgarro. Ou si. Quen sabe?
 
Pois iso.

Que haxa paz.

sábado, 21 de diciembre de 2013

SOLSTICIO DE INVERNO

Praia de Las Canteras
Las Palmas de Gran Canaria

Así, ao pronto, veume esta imaxe á retina e, como son rapaza aguda, busquei nunha carpeta e atopei esta. Non é de hoxe, pero ten poucos días. Apenas 30. Que é un mes en toda unha vida?

Porque caeu outro solsticio, grazas á Fortuna. Grazas á Fortuna que o imos vendo. Grazas á Fortuna e á xenerosidade de moitas xentes, outras xentes seguen a contar solsticios e séguenos vendo. Non pido nada máis para esta longa noite: XENEROSIDADE. Porque hai un dito que di "Arrieiriños/as somos e no camiño nos veremos". E nos camiños cómpre moita xenerosidade e moita saúde para poder dar e repartir daquelo que temos para ir tirando...

Xa queda menos para o próximo equinoccio...

Feliz descanso, quen o teña. Quen non teña descanso, porque non pode telo, feliz tarefa!

viernes, 15 de noviembre de 2013

LEMBRO...

Xulio López


Cada mañá érgome en tempo para darle un repaso a un par de xornais dixitais. OS meus dedos están cansoS de pasar follas impresas que deixan a súa pegada de tinta nos dedos. Onte foi un día de tantos. Seica o mércores non estivera atenta ás novas sobre a sentenza do desastre do Prestige e almorcei unha cullerada de mel, un café con leite, un plátano, as miñas medicinas e unha dose extra de decepción.


Volvo atrás e lembro a maré de dignidade que percorreu Galiza e España hai once anos. Lembro os ríos de tinta verquidos nos xornais, as faixas penduradas nas paredes coa imaxe dos políticos. Lembro as imaxes sacadas por meu irmán Xulio a pé de Praia en Muxía e Carnota, en Lira… Lembro o cheiro fedorento do chapapote que meu irmán gardou nun frasco de crista para non perder a memoria daquel fedor inmundo… Lembro mesmo aquela letra que a miña irmá e mais eu compuxemos para o entroido de 2003


Baila Manueliño, Manuel baila,

Baila no chapapote, que o pobo agarda

Que bailes ti tamén, pra iso che pagan,

Baila no chapapote, Manuel baila.



Aznar é o culpable desta desfeita,

Mentres se funde o barco el dorme a sesta,

E mira pra outro lado, cheo de soberbia

Aznar é o culpable desta desfeita.



Cascos non tiña gana de axudar(e)

E largouse de caza para amolar(e)

Pra amolar a Galiza, para amolar(e),

Cascos non tiña gana de axudar(e)



Rajoy, o Mentireiro Maior do Reino

Di que non pasa nada, e hai que crelo,

E hai que lle crer o conto, e hai que crelo,

Rajoy o Mentireiro Maior do Reino.



E esa xente que goberna o País e o Estado

Pensa que somos idiotas,que nos van ter enganados

Que pra acá do Padornelo, non hai máis que catro parvos,

Pero o que non saben eles é que somos máis de catro.



Os que foron de caza xa están cazados

E no seu chapapote emporcallados,

Negros ata o pescozo, co seu engano.

Os que foron de caza xa están cazados.



Con esa plastilina farán os nenos

Novos bancos de peixes, para comelos,

Para comelos eles e ¡Bo proveito!

Que nós a merda negra non a queremos…



Queren taer o petróleo dos iraquíes,

Pra que han de ir tan lonxe se abonda aquí(e)

Que o veñan coller eles, e que se lixen,

Que este é de calidade, tén pedigri(e)



E cando estean negros de chapapote

Meterse no Prestige, sacalo a flote,

Sacalo a flote, niña, sacalo a flote,

Cando xa estean negros de chapapote.



Que enchan as mans de merda e que beban bágoas negras,

Que lle sanguen o xeonllos de arratralos polas pedras,

De arrastralos polas pedras, de arrastralos polas pedras,

Ai elelo, ai elelo, ai elelo, ai alalo



Baila Manueliño, tamén Aznar,

saca o punto Rajoy, para bailar

Para que baile Cascos con alegría,

A Muiñeira Negra desta Galiza



E xa imos rematando porque non merece a pena

Deixar a gorxa esfolada con semellante caterva,

Non merecen nin que os menten, porque aquí na nosa terra

Temos forza e dignidade para saber defendela!


Lembro… Pero so iso, porque 11 anos foron precisos para que esas persoas “políticas” fosen pouco menos ca subidas aos altares e para que agora, de man da xustiza e grazas a ela, como dicía meu pai, de caldeireiro, todo rematase en nada. Nin culpables políticos, nin económicos, nin nada. Porque, nin encheron as mans de merda, nin foron cazados, nin tan sequera despoxados do poder. Ao contrario. Semella que grazas a ese golpe, subiron máis alto e agora rinse de nós a través da xustiza. Da súa xustiza. Non da miña. Iso nunca. NUNCA MÁIS!

miércoles, 6 de noviembre de 2013

II

Lembranzas de outono

Vaise achegando, calmo,
con bágoas e murmurios
no vafo dos cristais.
Hoxe deixa unha gota
onde onte deixou follas secas,
arremuiñadas contra esta porta
que abre e cerra cara adentro.
Mañá deixará... Quen sabe que?
Quizais dúas folerpas
caídas das ás dun anxo.
Mellor así.
No meu silencio roto polas notas dunha harmónica,
morriñosa e afastada,
xa non cabe tanta luz coma antes,
cando, nas longas tardes agostadas,
fuxía para bordar, ás agachadas,
rosas e caraveis na sombra dos castiñeiros.