jueves, 12 de julio de 2012

HAI QUE AMOLARSE!


Non sei de onde saquei esta foto... Pero é dEL...

Había tempo que non viña por aquí. Mil perdóns! E estou de paso, coma as anduriñas. Andei demasiado enredada en cousas moi urxentes e necesarias... Tamén importantes. E ademais volvo en galego. Non sei, quen non entenda, que busque nalgún tradutor deses que hai en rede, pero non teño moita gana (nin tempo) para ir facendo tradución simultánea. Máis miles de perdóns!

O caso é que me veu hoxe á cabeza, así, de repente, o conto ese das medidas de restrición de gasto público, pois seica as arcas do ESTADO ESPAÑOL non están para moitas ledicias. E claro, cando empecei a facer contas, pois sei sumar e restar, con e sen levada polos dedos moi ben, e contar e descontar soamente ata 999, pois a multiplicación aínda me vai grande e o 1000 escápame das contas, percateime de que non me saían nada ben...

Porque, a ver. Cando gañou as eleccións o PSOE, a principios dos anos 80, recén estreada a democracia e logo dunha ditadura longa e cruel, nacionalizáronse mil cousas, pois seica o país estaba en bancarrota. Todo foron aplausos. Mirade que ben o fixeron! Claro que, daquela eu aínda era estudante universitaria e as axudas que había eran escasas, pero seica eramos felices. Logo veu unha época de paxariños de cores, a entrada na OTAN, outra crise económica, a entrada na Comunidade euopea, o cambio das pesetiñas por euros e céntimos de euro... Despois veu o señor Aznar e España seica ía moi ben, demasiado ben. Logo veu o señor Zapatero e España ía mellor, moitísimo mellor...

Agora veu o señor Rajoy... Crédeme! Non teño nada contra el, pero para min o seu nome estará sempre unido aos "fiíños de "plastilina" do Prestige.


Xulio López (Xulio Pazo, fotógrafo)
Lira. Costa da Morte. Marea Negra.


E claro, non me creo nada de nada, porque para el (como antes o foi para outros) todo segue ben e soamente é cuestión de apretar un pouco máis o cinto e traballar ata criar malvas, todo se reduce a uns fiíños de plastilina. Nada de nada. Esforzo para toda unha cidadanía (recoméndovos a lectura do libro "15.724" de Xesús Constela Doce) quen, limpando pouco a pouco, correndo cara a nada ou a liberación, nunca garantida, conseguirá o benestar.

Pero claro, iso supón reducións de salarios, reducións nas pensións, reducións de prestacións por desemprego, incremento na retención para o IRPF, incrementos nos pagamentos polo uso de gas, carburantes, enerxía eléctrica e alimentos de primeira necesidade, incrementos de horario laboral para o funcionariado público, redución de persoal para substitucións por baixas por enfermidade e permisos por maternidade, redución de fondos para material funxible na administración pública, incremento de reteos en aulas, supresión de camas nos hospitais, supresión de fondos para a investigación en enfermidades, incremento de taxas universitarias, redución de axudas para estudos universitarios e formación, ....

Quédanme moitas cousas no tinteiro, pois non falei da xustiza, nin do emprego. E quedoume tamén o conto desa manga ancha que lle dan a quen ten miles de millóns en diñeiro negro e que pode facilmente lavar, pagando ás arcas do ESTADO ESPAÑOL unha nimiedade, os astronómicos (para min) soldos da clase política municipal, provincial, autonómica e nacional (de España), así coma os seus privilexios relacionados coas dietas por desprazamento para ir durmir nas cadeiras das cámaras de debate...

Hai que joderse! E se me desculpe o vocábulo. Pero, XA ESTÁ BEN!

MÁIS MERDA, NON, POR FAVOR! Xa nos chegou a merda do barco ese que... Non sigo. Igual estou demasiado indignada e non quero, por elo, ferir gratuitamente os semtimentos de ninguén, pero, XA ESTÁ BEN DE QUE SEMPRE NOS DEAN LABAZADAS ÁS MESMAS PERSOAS! XA VALE!