lunes, 30 de agosto de 2010

INTEGRACIÓN OU DESINTEGRACIÓN?



 "Integración"








Esta mañá, logo de estar un par de horas lendo, máis ca estudando, deume por calzar as miñas deportivas, poñer un chándal e botar a andar polas rúas de Ourense. Debían ser as 7:30 da mañá.
Ao empezar a subir a Ponte Romana, ollei ao lado dereito un bulto no chan, que semellaba ser unha manta esquecida, ou un cubrecama. A medida que me ía achegando, distinguín uns dedos que asomaban por debaixo da manta e, sobre unha pedra, uns zapatos de cor marrón, cuns cordóns debidamente colocados e alineados.
Veume á cabeza entón unha imaxe que me quedou grabada na retina hai algo máis dunha semana: cruzando unha das moitas galerías comerciais que hai nesta cidade, un sábado pola mañá, atopei a un mozo moi ben vestido, cun traxe azul marino, camisa branca, gravata granate, lentes e zapatos negros. Estaba moi ben afeitado e durmía tan longo que era, deitado no chan das galerías, ao pé das escaleiras.
No caso da Ponte Romana, igual nos daba por pensar: "A que se chega! Pobre xente, non ter un teito baixo o que durmir nin unha familia que a acolla!". No caso das galerías, quizais a conclusión fose diferente: "Vaites! Ou perdeu as chaves de casa, ou non deu chegado porque como dicía Dinio, a noite confundiuno!"
Quedei matinando que ao mellor, ese bulto do que asomaban uns dedos e eses zapatos pertencían a algunha persoa que, por algunha razón non se sinte integrada no que nós identificamos coma sociedade ou familia, senón que máis ben debe ser unha desas tantas que camiñan polo mundo desintegradas, moitas veces a causa da rixidez das persoas que si nos sentimos integradas pero que tamén podemos acabar durmindo nunhas galerías comerciais, sen necesidade de sacar o traxe.





jueves, 26 de agosto de 2010

TÓDOLOS DÍAS...




Canción de Juanes adaptada para a ópera. Impactoume, por iso a deixo por aquí. Por se alguén quere gozar dela. Merece a pena.

Concha L. F. 2010

miércoles, 25 de agosto de 2010

Ollando flores e Lúas...


Son eu, si, a que anda de ruada, colocando margaridas e raros gladíolos verdes no reducido espazo da miña mesa de traballo, polo que ademais circula un atril, un bote con bolígrafos, o cinseiro, o paquete de tabaco e mil chisqueiros que ás veces non funcionan, teléfonos fixos e móbiles, un router... e non sei que máis cousas.

O malo de todo isto é que ás veces esquezo que o mundo non se reduce a catro flores, vinte partituras e un lapis e non son quen de ver que ao outro lado da fiestra, a Lúa vai pasando cada sete días polas súas fases e marcando con elo oa tempos de sementeira e recolleita, e que como di nunha décima moi fermosa o meu amigo Piteira, a Lúa minte moito, pois cando mingua medra e cando medra mingua e cando é nova non se ve, pero cando está chea, quen sabe de que, relumbra. E mirade que veu encher onte e a partir de hoxe xa mingua, pero o que vemos é a súa enorme barriga, coma se estivese preñada e a punto de parir...

Vaites! Agora entendo! Se cando mingua ten a barriga grande cara a dereita  é porque ten que parir unha Lúa Nova e como as crianzas, cando nacen son pequeniñas, apenas se ven dentro do sailón...!
E para iso, Tantos libros e papeis, tanta flor exótica, tanta conexión de alta velocidade e tanta comunicación inalámbrica. Para seguir andando de ruada, coas flores como fondo e coa Lúa no horizonte!

Concha L. F. 2010

viernes, 20 de agosto de 2010

Do baleiro

Detéñome aquí, neste punto da estrada que se perde na néboa. Non sei a onde vou, pero sei que veño da mellor terra que se poida soñar, chea de arumes e sons que se perden na memoria.

Agora, desde esta lña definida do meu baleiro, desde este espazo que se enche cos sorrisos que me acubillan a cotío, desde esta liña discontinua que marca o punto medio dos camiños a ningunha parte, detéñome un instante, antes de seguir camiñando.

Concha L. F. 2010