Para que logo digan que as cousas están controladas! Que llo pregunten ás persoas que onte quedaron en terra e perderon unha parte, seguro que importante, dos seus aforros, simplemente porque un colectivo de traballadores e traballadoras decidiu abandonar o seu posto sen tan sequera avisar. Porque entre a xente que onte viu frustrada a súa viaxe habería de todo, desde quen vive desafogadamente a quen vive co xusto. E penso eu que para reclamar os dereitos laborais non se pode xogar coa economía das familias, máxime cando eses traballadores e traballadoras reciben uns soldos que están moi por enriba dos da maioría da xente. E non digo que non deban cobrar en función da responsabilidade que leva implícita o seu traballo, pero si debían amosar máis responsabilidade á hora de reclamar os seus dereitos.
Pregunto que pasaría se de repente o colectivo médico ou docente, unha boa mañá saíse por pernas do posto de traballo e deixase hospitais e escolas baleiras, coas persoas enfermas abandonadas e as crianzas sen control polos corredores. Porque non se trata xa de facerlle dano a empresa, senón que a actitude das persoas que traballan no control aéreo escapa a calquera cousa xustificable.
Na actitude dos traballadores e traballadoras cando reclaman os seus dereitos reflíctese o seu prestixio como profesionais e desde logo, o posto de traballo de controladores e controladoras aéreas é de grande responsabilidade, pero co que acaban de facer amosan unha irresponsabilidade que raia no delito e agardo que alguén lles pida contas, pois ese descontrol non debía quedar impune.
E senón, que outros colectivos laborais lle paguen coa mesma moeda: cando precisen dalgún servizo, que lle dean coa porta no nariz. É sinxelo, simplemente terían que poñerse no lugar no que quedaron onte miles de persoas e aplicarse o conto. Igual non lles gustaba.
Concha L. F.








