Inmóbil
Acabei maxisterio no mesmo ano que cumpría os 22 e comecei a traballar, logo de aprobar as oposicións no ano 1983, sen chegar a cumprir os 24. Daquela tiña outras metas e ningunha delas pasaba por seguir estudando. Andando o tempo dinme conta de que me faltaba algo: información e formación, moita formación. Entón decidín volver á Universidade, coma unha alumna máis, agora que o que me sobra é tempo. Ou a min é o que me parece.
E velaí que me atopo cada semana rodeada de persoas estudantes coma min, pero da idade das miñas crianzas. Elas teñen a forza para dedicarlle todo o esforzo necesario a cada asignatura. E empregan moi ben as novas tecnoloxías. Eu soamente teño tempo, experiencia docente pero uso as tecnoloxías daquela maneira. O que estudo ten moito que ver coa docencia. E doume conta de que ás veces, a experiencia é a mellor mestra, pois dá unha visión global do feito de ensinar e de aprender. Pero tamén o son a información e a formación continuada e as tecnoloxías. E as voces da xente nova que aínda se comporta coma o que é, estudantes que acollen con certa desidia os discursos do profesorado… E véxome eu coma docente, tentando poñer orden no caos dunha clase á que non lle interesa demasiado o que transmito, quizais porque non son capaz de transmitir, ou porque me falta a empatía necesaria para convencer, ou porque é tanto o que quero transmitir, que me perdo no discurso. Ou porque non uso as tecnoloxías, ás veces.
Pero tamén me vexo coma alumna, ás veces aburrida, pois ou non entendo o que me contan, ou porque quen o conta non ten graza para facelo e o seu discurso, sempre cheo de ensinanzas, deixa de ter interese.
Nisto da docencia é fundamental conectar coa xente nova, chea de intereses diferentes aos das persoas adultas, poñerse á súa altura, sen perder a autoridade moral e de feito que a idade nos dá a quen ensinamos. E iso é moi difícil, pois require un dominio permanente da propia maneira de ser e do temperamento e un coñecemento exhaustivo da realidade cotiá de cada alumno e alumna. Tamén é necesario ter en conta os tempos que nos marca o alumnado, tempos considerados un a un, pois ninguén ten a mesma maneira de percibir e interiorizar as ensinanzas. E, por suposto, evolucionar no tempo, adaptarse aos cambios vertixinosos da sociedade, ás súas sempre cambiantes formas de amosar a realidade. E refírome con isto ao uso de tecnoloxías, pois sei que, sendo unha arma moi eficaz e eficiente para transmitir información, nunca poden deixar de ser un instrumento máis.
É por iso polo que penso que todos estes proxectos de introdución “a saco” nas novas tecnoloxías me parecen en certo modo perigosas e moitas veces, carentes de contido, xa que podemos chegar a pensar que poden substituír ás persoas e moitas veces, mesmo as podemos empregar para darnos un respiro no labor diario. Pero son armas necesarias e moi útiles para manter a atención do alumnado.
Non me nego á introdución das tecnoloxías no ensino, ao contrario, pero penso que nada pode encher o oco das persoas, pois o ensino ten que ser sinónimo de humanidade, de sensibilidade, de achegamento a esas outras persoas sedentas de comunicación directa, de contacto real cun entorno diferente ao da familia, pero complementario e prolongación del. E as tecnoloxías carecen dese punto de contacto humano, de presenza e de roce, de diálogo real, en tempo real e cara a cara.
Claro que, nos tempos que corren e tendo en conta que as crianzas nacen case pegadas a un monitor, a un rato e a un teclado, a única maneira de manter o seu interese ás veces é empregando un monitor, un rato e un teclado. Quizais é por iso polo que decidín volver á Universidade. Para aprender a manter o interese do meu alumnado, a pesar dos cambios tan grandes que se produciron no ensino, logo de 27 anos. E abofé que estou aprendendo. Soamente me falta aplicalo no día a día da miña aula, pero estou niso. Pouco a pouco. Cos anos volvinme máis lenta, pero máis segura, pegada tamén a un monitor, un rato e un teclado.








