martes, 20 de septiembre de 2022

UNHA COMPAÑEIRA INESPERADA...


 

Xena - 2021 e 2022


Hai "milenios" que non paso por aquí. Supoño que porque me fixen preguiceira, ou porque foi pasando o tempo e enredei noutras cousas, ou porque... Quen sabe?


En todo este tempo fun perdendo persoas moi queridas polo camiño. Outras aínda máis queridas  marcharon co seu mundo e o seu traballo ás costas e, a pesar de sentilas cerca, están cadansúa no lugar que elixiron para vivir e traballar.

Pero claro, o ano pasado no mes de xullo achegouse ao meu refuxio esta criatura que amosan as fotos. O seu nome é Xena.

Nunca pensei ter unha gata na casa canda min. Tan sequera me imaxinei "perder" horas xogando con ela, ensinándoa a convivir comigo e aprendendo a convivir con ela... Pero claro, a xubilación deixa moito tempo libre, o inverno no rural é longo e Xena foise convertendo nesa compañeira agarimosa, intelixente e comunicativa que acaba por nos axudar a esquecer que a soedade tamén ten as súas vantaxes.

Concha L.F. - 2022


viernes, 8 de febrero de 2019

ATRÁS E ADIANTE


"Valado con neve"


Hai uns días, perdida polas rúas, deume por pensar no que foi sendo este meu camiño, máis que nada por ver se había algo que rectificar, aínda que, sendo sincera e a estas alturas, creo que non vou mover nadiña nin creo que me dea tempo. Xa me cansei de ir para atrás e para adiante. Agora escribo. Agora borro. Agora ando. Agora desando. Agora falo. Agora calo. Agora encabúxome. Agora reláxome. Agora consinto. Agora esixo. Agora sirvo. Agora…
Agora vou ver a onde me leva este valado con neve que non sei moi ben onde remata…


Concha L.F-2019

sábado, 2 de diciembre de 2017

XOGOS


Glasgow - Escocia - 2011

Ás veces tomábame a liberdade de xogar. Xogaba a ser pequena coma ti e contigo, ensartando pezas de cores nas paredes do escuro corredor daquela casa. Outras veces xogaba a ser maior subida ao escano da sabedoría e escribía nunha táboa decálogos de normas que nunca se cumprían.

Despois eras ti quen xogaba a colocar cabelos brancos no meu caderno, a agocharte baixo a miña almofada rosmando en soños enrugas novas, a levarme por vertixinosas autovías desertas de luces, a irisar amenceres e solpores con cores silenciosas…

Sei que agora xa non xogo contigo. Xa non. Tamén sei que ti xa non xogas comigo, que hai cousas que nunca me dirás, que hai un muro que xamais me deixarás traspasar.

Xa non me tomo a liberdade de xogar. Iso deixeino onte, ou antonte, non lembro… Quizais cando atopei o cadeado na porta. Por iso agora non xogo…

Supoño que esa é a razón.




viernes, 17 de noviembre de 2017

SEN PALABRAS...



Quedei mirando a nada, cos miolos cheos de palabras que quedaron atrapadas nas concas dos ollos porque a gorxa, aquel día quedou muda, afogada por un berro que so eu escoito alá dentro...

Alá dentro, onde so queda unha vida, feble e quebradiza, enredada en mil palabras afogadas por ese berro que todo o abrangue...

27- VII - 2017


lunes, 10 de abril de 2017

FIESTRA


Foto: X.m.Xespi

Presa aí quedou da luz da fiestra
a cadeira.

Presa quedou aí da luz
a roda da cadeira.

Presa quedou aí das follas verdes.
Presa...

Por iso, talvez, non se ve...

Concha L. F. - 2017

viernes, 17 de marzo de 2017

ENREDANDO



Enredo
Mercedes L. Rubín

Hai uns días estiven na casa da miña aldea, na casa da miña nai e, pola fiestra da cociña, vin como se bambeaba suavemente pero sen descanso o camelio. Tiña as pólas máis baixas que de costume e semellaba ser de cor rosa, en lugar de verde. As roseiras estaban cheas de matices granates. As pequeñas violas tupidas de malvas, amarelos e brancos. Os narcisos volvendo a mirada amarela sobre si mesmos…

Quedei así, coa boca aberta sen saber que dicir ou pensar, cun nó na gorxa…Sen saber moi ben como todo pasara da escuridade á luz...

Deume por pensar no efémero que é todo, no cambiantes que son as estacións, no doado que resulta moitas veces esquecer sen esquecer ou lembrar sen lembrar, na sinxeleza dos momentos, das imaxes, dos sons, das voces, dos espazos, das persoas…
Tamén me deu por pensar en canto nos complicamos a diario pensando que temos un número infinito de días para vivir, para facer valer os nosos caprichos e poñernos por enriba das demais persoas, para demostrar que somos nós quen está facendo as cousas ben, para facer valer os nosos privilexios a costa de pisar os dereitos de quen está ao noso carón, cando en realidade somos seres finitos, efémeros, cambiantes e falibles e os nosos dereitos rematan onde comezan os das demais…

E, todo isto, para que? Para que nos muden o horario en marzo porque medraron os días e chegou a primavera? Para que o volvan mudar en outubro porque chegou o outono? Para facer valer que somos nós e só nós e as nosas persoas achegadas as que temos a exclusividade da atención e dos dereitos, cargando parte das nosas responsabilidades no lombo do resto do mundo?

Será para iso…

Pois si. Este mes de marzo quedei sen fala porque, unha vez máis, comprobei que hai persoas que son incapaces de se parar a pensar diante dos cambios de cor dos días…

Supoño que non debía sorprenderme tanto.

miércoles, 21 de diciembre de 2016

ESTAMOS

Foto: "Invernía"
Mercedes L. Rubín (Tres Trísqueles)

Puidera ser que non estivesemos aquí, agora. Pero estamos. A xeada por fin estala baixo os nosos pés, unha vez máis e branquea e resiste a diluírse nas néboas e cobre de luz branca as poucas horas que ten o día. E cubrirá de branca luz as moitas horas de noite que nos quedan por diante...

Puidera ser que maña non visemos o amencer. Pero estamos pisando a xeada unha vez máis e vendo o verdor das xestas cubertas polo seu branco inmaculado e estamos sentindo nos ósos a friaxe húmida e cortante dun novo Solsticio de Inverno.


miércoles, 14 de diciembre de 2016

SER DE SEU. OU... NON SER?


Foto: Enredo
Mercedes López Rubín (Tres Trisqueles)

María Xosé Silvar, Sés, no seu último disco "Opoñerse á extinción", di nunha das cancións: "E que veña ou vaia, que vaia ou veña, se me subo ao carro bótanlle leña". 

Nestas palabras resúmese a historia dunha gran parte de moitas de nós. A miña, por suposto, está perfectamente resumida. Quizais porque enredei demasiado...

Por iso decidín gardar gardar silencio e falar baixiño só cando teño algo que dicir...




viernes, 9 de diciembre de 2016

Viaxe


La luz irrumpe
Enrique G. A.
Otra mirada

Voume co amencer.

El me acompaña e me guía
desde o outro lado das núas árbores
perdidas na brétema.

Voume co amencer
cara o outro
que me agarda

Concha L.F.

viernes, 15 de abril de 2016

A BUCHACA


Por algures andará esta foto de ñOCO
GRAZAS!


Din que para sobrevivir sempre hai que levar algo gardado na buchaca, na faltriqueira...Nese peto oculto da saia, do pantalón, da camisa, do corazón e/ou do cerebro. Sería como gardar un derradeiro AS na manga.

Vendo este garfo suxeitando unha tesela azul ocórreseme pensar en todas esas persoas que, dunha ou doutra maneira, levan e viven unha vida regalada, unha vida apoiada en pilares que non construíron, sen gardar nunca nada na buchaca para imprevistos.

Logo veñen as présas e os agobios por non saber ou querer tocar timbres ou preguntar e pedir información, arrimándose unicamente a quen lle dá acubillo, vivindo desa tesela azul que non corta a auga da billa porque lle doe a conciencia histórica.

E onde está ese diminuto anaco azul que alguén tiña que ter gardado na súa propia buchaca para sobrevivir sen depender de vidas alleas?