domingo, 30 de octubre de 2011

DON BLAS

Don Blas é un estraño pero agarimoso e divertido personaxe.
Hai dez anos que chegou ao meu refuxio, logo dunha longa viaxe desde Quiroga, no sur da provincia de Lugo. Daquela era apenas unha cría dun mes, perdida e indefensa. Logo da desaparición de Gusi, unha cadeliña pequecha e lanuda, agarimosa coa xente da casa e tremendamente agresiva coas persoas descoñecidas, apareceu este elemento distorsionador.
É un cadelo pequecho, algo tonto, pero ledo coma as pandeiretas. Cando chegou a casa, aos poucos meses de morrer o papá, apenas sabía comer. Houbo que armarse de paciencia para que tomase o biberón e pechar cancelos e portas, pois o seu divertimento consistía en fugarse, quen sabe por que, cara a estrada e, con aqueles ladridos agudos de bebé, asustar aos coches que subían e baixaban a empinada estrada que pasa por diante da casa. Seguíame a todas partes, ata cando me metía no coche para ir traballar. Se me vía chegar e poñer roupa para ir á horta, empezaba a correr entre o corredor da cociña e o sitio onde están as ferramentas, para indicarme o camiño, para que non esquecese nada. Logo, na horta, seguía cada movemento do sacho, do angazo ou da mangueira. Cando vía que recollía as cousas na horta, ía correndo para a cociña e seguía cada movemento da mamá, mentres poñía a mesa e, cando eu chegaba para comer, sentaba a carón dela, pegado ao seu caxato.
Don Blas é don Blas. Non me caben aquí todas as cousas que teño gardadas na memoria e que están vinculadas co seu nome. Cerca do 1 de novembro, vénseme á cabeza unha especial, a da súa tristura cando morreu meu irmán, o seu nerviosismo e a desidia que o invadiu ao notar a súa falta. Don Blas segue sendo o can tonto de sempre, agarimoso e rebuldeiro, pero ás veces senta sobre a súa deteriorada cadeira esquerda, mirando a ningures, como se agardase que pola porta volva aparecer quen lle daba un anaco de galleta antes de ir durmir.

miércoles, 19 de octubre de 2011

I - SEDUCCIÓN



Shadows on the sand


Me sedujo.
De mis cejas cuelgan, todavía,
sus telarañas.

¿Fue aquella puerta sin postigos,
o la empinada escalera?
¿Fue aquella luz interminable
que ascendía y descendía
a través de la claraboya?
¿Fue su madera polvorienta
que crujía bajo mis sandalias?

No lo sé.

Sencillamente, me sedujo
y me atrapó entre sus misterios.

miércoles, 12 de octubre de 2011

12 DE OUTUBRO

Hoxe é 12 de outubro. A señora Concha cumpre 81 anos de ledicias e mágoas. Sobre todo mágoas. Pero é unha muller forte, triste e feliz, que chora e ri coa presenza da vida.

É a miña nai!



Era unha linda moza! A que si?

Aínda é fermosa, coas enrugas e pegadas do tempo. Hoxé é unha adorable avoa, apoiada nun caxato que leva escritos os nomes de seu pai Antonio, de súa nai Benita, de seu marido Luís, de seu fillo José Luís, de seu irmán Cándido e da esposa deste, Sara, da súa tía Luscinda, da súa curmá Lola... E de tantas e tantas persoas que foron construíndo o seu mundo.

Hoxe, como nunca, vina chea de vitalidade, doente de todo, pero leda por nada, porque foi capaz de dar acubillo, unha vez máis, á súa familia. Á máis vella, a que lle queda, súa irmá Mari, e á máis nova, as nenas Arera e Sara que enchérona de ledicia.

Pero sei que o mellor agasallo foi a presenza no xantar dun dos seus fillos, xunto coa súa dona e as crianzas, a quen cría perdidos.

O tempo non pasa de balde. Ela sempre o di. Dicíao o papá... 
Pero é tan bonito ver como unha persoa sigue cumprindo coa vida, a pesar de todo! 

sábado, 8 de octubre de 2011

MARMELOS SEN DATA DE CADUCIDADE

Seguindo un fío iniciado por Kaplan,un reincidente, continuado por outras persoas ás que tamén gusto moitísimo de ler, veume á memoria algo da miña infancia.


Cando era pequena a avoa Benita, por este tempo e coa axuda da tía-avoa Luscinda, da madriña ou da mamá, pasaba horas na cociña pelando, cortando e cocendo marmelos, mesturados con azucre na xusta proporción, ata que o doce adquiría un dourado intenso, case vermello, e unha textura semellante á da lava dun volcán. Ás veces eu tamén colaboraba, subida a un banquiño de madeira, a cociñar tan exquisita vianda. Teño un sinal no pescozo, hoxe case imperceptible, que me lembra que, unha tarde, "axudando" a aquelas mulleres a cocer os marmelos, unha burbulla saltou da pota e queimoume a pel.

Pero aquel marmelo espeso, gardado logo en pequenas caixas de madeira forradas cun groso papel de cebola, non tiña data de caducidade. Gardábase para todo o ano na adega da casa, escura e fría, na que se salgaba a carne do porco e onde logo secábanse os xamóns e os touciños, a cachucha e os lacóns, onde penduraban dun gancho os atados de ourego e de herba luísa… Unha adega cunhas fiestras pequeniñas, orientadas ao norte e ao oeste, protexidas cunha finísima e tupida tea metálica, polas que as airexas das estacións fluían libres. Era un lugar cheo de misterios suculentos.
Había un armario mosquiteiro na que se gardaba o manteigoso queixo do país, chegado das terras da Arzúa ou das verdes chairas de Lugo, as sobras do xantar do día, que se gardaban para a cea ou para outro xantar (non se tiraba nada), a carne fresca das becerras ou das vacas que o Pepe "Can-Can" vendía no mercado da vila, o bacallau salgado...
Nos andeis da adega había tarros de salsa de tomate e marmelada de mazá, que a mamá, a avoa e a madriña preparaban con agarimo, unhas olas de barro con chourizos anegados en aceite, botellas con licor-café e augardente branca e de herbas e outras moitas cousas que non lembro.
Detrás da porta había unha enorme artesa de pesada tapa na que estaban o saco dos garavanzos, o das fabas e o do azucre (un luxo racionado), a caixa das noces... Alí, a mamá, a avoa e a madriña agochaban tamén as poucas lambetadas e delicias aromáticas que a precaria economía daqueles tempos permitía ter: algún paquete de café en gran, algunha libra de chocolate negro “Viso” ou “La Torronesa”, algunha caixa de galletas surtidas “Cuétara”, as uvas e figos pasos e o turrón duro e brando “El lobo” para o Nadal, ou a caixa de bombóns que sempre traía a tía-avoa Vitorina cando viña desde Bos Aires…


Pero o que máis me chamaba a atención eran as laranxas sanguiñas que a avoa mercaba de vez en cando na feira da vila. Aquilo si que era novidade e non había cousa máis deliciosa ca deixar esvarar polos beizos aquel zume acedo e doce a un tempo, que deixaba no padal a frescura traída doutras terras.

E, por suposto, as caixas co doce de marmelo. Ai, aquelas caixas sen data de caducidade!


En canto tiven forza suficiente para levantar a tapa da artesa e vía que non había vixianza, metíame na adega para saborear un anquiño daquel doce que me deixou unha queimadura no pescozo mentres o revolvía cun enorme cullerón para que non se botase a perder.
Quizais esa era a miña vinganza por deixarme marcada para sempre!

lunes, 26 de septiembre de 2011

ESCOCIA VIII

Xa acabou o verán e case non me din conta. Con el foise o tempo de lecer, de soños e proxectos, do medo a unha viaxe que resultou ser toda unha experiencia de luz e imaxes, lonxe do recanto no que se moven os meus pensamentos. Non puiden ter canda min mellores compañeiros, que viñeron ser coma os lazariños máis agarimosos que calquera poida imaxinar. Mágoa que faltase un para completar o cuarteto, pero hai cousas que son inevitables!

Se algunha vez ides a Escocia, buscade o xeito de ver estes fermosos animais. Son as vacas das Highlands, unha especie autóctona, mansa, forte e recia, de patas curtas, robusto e peludo corpo e longo floco que oculta a súa doce mirada. Unhas imaxes e unha presenza que invita a saltar o valado e acariñalas, a pesar de ter unha cornamenta que case mete medo.
Estes animais póndense ver pastando ciebes nas Terras Altas, pero se non conseguides velas por alá, sempre se pode visitar Pollock Park, a poucos minutos en tren desde Glasgow. De paso podedes gozar da Burrell Collection, que ten moitas obras de arte ben fermosas.

E non podo deixar de nomear Edimburgo. Sería moi necia se o fixese. É unha cidade que namora. Quedaría alí se non me tirase tanto a Terra. É un terreo "rompepernas", non apto para quen padeza artrite ou calquera doenza que lle impida subir e baixar escaleiras e pendentes. O encanto do seu castelo reside no enclave no que está situado e na súa historia, ademais dos tesouros que garda. Alí consévanse a Xoias da Coroa escocesa, a saber, a Coroa, a Espada e a Pedra do Destino. Por outra parte, dá gusto sentar nun dos moitos bancos que hai no recinto, logo de pasear entre a Old Town e a New Town, a través dos moitos canexóns escuros que se estenden ao longo da Royal Mile. Por certo, nalgunha das rúas da New Town, non lembro cal, sirven uns mexillóns escoceses saborosísimos!





Quedoume moito que ver nestas terras. Aberdeen, por exemplo. Pero rematou o verán e outra vez será...

sábado, 24 de septiembre de 2011

ESCOCIA VII

Seguindo a estrada A82 cara ao nordeste, desde Fort Augustus a Inverness, bordeamos Loch Ness, mundialmente coñecido pola existencia do seu monstro que, a verdade, non sei se andaría de vacacións en xullo, porque eu non o vin. É un lago relativamente estreito, pero moi longo, uns 39km de augas profundas e mansas, apenas alteradas pola airexa do norte que acariña a súa superficie.
Vixiando as súas beiras está o castelo de Urquhart, estratexicamente colocado para repeler calquera ataque. Aínda así, del soamente quedan as ruínas, desda as que se pode contemplar a fermosura dunha natureza case virxe, na que contrasta o azul das augas co verde que asolaga os cotarelos que a elas asoman.




É moita a xente que se achega a este lugar para gozar da paisaxe e tocar a historia das súas pedras.
Tamén hai xente que, con dedo dilixente, pretende inmortalizar o seu arte no po dos cristais dos coches que descansan no aparcadoiro. Mágoa que estas caricaturas se estraguen co primeiro golpe de auga!



sábado, 17 de septiembre de 2011

O AGASALLO


Desde Ithaca chegoume este agasallo, como recoñecemento ao labor que fago de vez en cando desde a miña gaiola. Non son eu moito destas cousas, pero como din que son agradecida (iso habería que probalo!) e como é un gran honor que se me axude a manter as portas dos meus espazos abertas, deixarei aquí unhas referenzas para que, quen queira, pasee polas imaxes e as palabras que outras persoas deixan espalladas nesta rede.

  1. Poesía en galego
  2. A fonte das bruxas
  3. La mirada ausente
  4. Cristal rasgado
  5. Dor na retina
  6. O discurso do bosque
  7. Groucho
  8. Fonsilleda
  9. Xulio Pazo
  10. Son unha xoaniña
  11. Tres trisqueles
  12. Tiñádelo que ver
Quédame moita xente no tinteiro virtual, pero así ao pronto e tendo que elixir soamente 12, velaí vai a miña escolma.

jueves, 15 de septiembre de 2011

ESCOCIA VI



A viaxe por estrada desde Glasgow ás Highlands escocesas lévanos a través dunhas paisaxes difíciles de describir e de fotografar. O primeiro que atopamos é Loch Lomond, un enorme espazo acuático ao que se achegan as fins de semana as xentes das cidades próximas para gozar da natureza.
Se continuamos viaxe cara ao noroeste, adentrámonos nun mundo de silencio que case se pode cortar. Glencoe Valley fainos enmudecer pois a terra alí fala por si soa. É a porta de entrada ás Terras Altas de Escocia.


Se continuamos pola estrada A82 bordearemos o fermoso Loch Linnhe, zarrapicado de velas que contrastan co azul das augas e co verde dos montes, no que desemboca Loch Eil.


Seguindo a ruta cara ao norte, entre Fort William e Fort Augustus atopamos Loch Lochy, un pequeno remanso no que descansar antes de continuar viaxe a Inverness.



miércoles, 7 de septiembre de 2011

ESCOCIA V

Saint Andrews ten moito que ver. Para sentirse ben, abonda con pasear polas súas rúas.


Pero ten cousas que impresionan pola beleza das pedras que aínda se conservan, pola simetría de muros que xa non existen. No seu tempo, a catedral e todo o seu recinto debeu ser algo impresionante.
Este edificio, situado de cara ao Mar do Norte foi embestido por treboadas que provocaron varios derrubes. Pero o que acabou por aniquilar parte da súa estrutura foron as loitas habidas no século XVI, como consecuencia da reforma relixiosa, o mesmo ca o seu castelo, do que se conservan apenas os muros e uns pasadizos.
Hoxe en día é unha cidade moi fermosa, vida a menos, pero que se precia de ser o berce do golf e de posuír unha das universidades de elite do Reino Unido, a máis antiga de Escocia, na que estudaron algunhas persoas mebros da actual familia real inglesa.


sábado, 3 de septiembre de 2011

MARÉS...


Louro

Xa empezou outro setembro. Xa é día 3.

Este verán foi bastante raro. Moi incerto.

A pouco que busquei na miña gaiola, atopei na caixa das sensacións unha que me transportou ao silencio da area, ás mañanciñas frescas á beira do mar, sen más compaña ca a das gaivotas, a de dúas crianzas facendo castelos e desafiando, coa súa inocencia, ás ondas que van e veñen, a do son compasado da auga que pasea sen descanso, a das pegadas efémeras que se borran coas marés...

E nese instante lembrei unha mañá deste recente e estraño verán. Acababa de chegar de mercar un par de cousas no supermercado. As rúas de Ourense estaban cheas de xente, logo de varios días de calor asfixiante e de asfalto baleiro. O ceo estaba nubento e corría unha airexa suave e fresquiña que me trouxo á memoria aqueles tempos nos que consumía horas e horas paseando polas rúas e praias de Porto do Son, Muros e Noia, en días grises, mentres os meus nenos xogaban coa area, preto da auga, ou pedían sen descanso un cómic de Songoku, unha gominola, percebes, empanada de berberechos e pan de millo, ou un xeado (son de bo dente). E ata táboas forradas con tea, pinceis, acuarelas e óleos para reter imaxes. Era a súa maneira de inmortalizar o seu presente...

Agora son grandes. Xogan noutras praias, constrúen outros castelos con outras areas e pintan os cadros da súa vida con outros óleos e acuarelas sobre outras táboas forradas con outras teas...

A airexa fresca daquela mañá deste verán recente, incerto e estraño lembroume que o presente é un paso efémero, que todo está condicionado polo ir e vir eterno das marés...