domingo, 22 de junio de 2014

UNHA NOITE NON É NADA... PERO AXUDA!

Cemiterio de Partovia
O Carballiño - Ourense

Non me preguntedes por que, pero recén estreado o verán, véuseme á cabeza a noite anterior a Todos os Santos. Póñoo con maiúscula porque dalgunha maneira perdura no meu disco duro aquilo da relixión (católica, claro), na que tan ben me adoutrinaron. Neta como son da postguerra civil española, filla do réxime franquista e irmá da mornarquía democrática do estado español, tiña que ser así.

O caso é que hoxe lembrei aquela máxica noite na que fomos colocar flores frescas (crisantemos, como non!) á sepultura do papá e do irmán. Como xa era noite pecha e pouco faltaba para as badaladas de medianoite, levamos un candil de gas. E unhas "Estrella Galicia", pois a noite estaba nubenta, fría e húmida e non se vía o ceo. Primeiro ocupámonos da limpeza e decoración. Vós diredes: "de noite, cun candil e unhas cervexas, había quedar ben o conto!" Pois quedou ben. O malo (ou bo, iso nunca se sabe) é que, ao rematar o traballo, deunos por lle botar unhas cantigas alí co cu repousado nas pedras. E ide vós ver que, pasada a medianoite, alá chegou un coche. Del baixáronse dúas sombras con dous ramos de flores. Calamos e agardamos a ver... "Boas noites", dixo unha voz de home. "Boas noites", respondemos. Entre as tebras distinguimos ao fillo do "Marrón". Tamén a el, a aquelas horas, fora colocar flores na sepultura de seu pai. Invitámolo a unha cervexa e a compartir un canto (profano, por suposto), pero declinou a invitación e, xunto coa outra sombra, marchou no seu coche, deixando o camposanto alumeado unicamente polo candil de gas.

Quizais porque xa é verán, outra vez, con ceos inestables e, cansa, boto en falta moitas cousas e moitas persoas das que me fun arredando. Ou ás que se foron arredando de min...

3 comentarios:

  1. Outro verán...
    Graciñas, Concha. Non deixes de contarnos as tuas cousas.
    Apertas.

    ResponderEliminar

  2. Un nuevo género: realismo máxico galego.

    · BQÑSMTS

    · CR · & · LMA ·

    ResponderEliminar
  3. Unha nova estación e outro verán que chega...
    Saudiños.-

    ResponderEliminar