jueves, 25 de diciembre de 2014

LUCÍA

Falsas palabras
 Esmeralda

Tan sequera sei por que collín o teléfono. Nunca o fago cando non sei de quen é o número que aparece na pantalla. Sorprendeume a voz ao outro lado. “Ola! Canto tempo sen saber de ti!”

Lucía sempre fora así, hoxe estou, mañá xa veremos. Os meus miolos preguntábanse como era posible que dera co meu número, pero ata me alegrei un pouco de escoitala de novo, aínda que sabía que se me buscara era porque lle cumpría algo. Lucía era desas persoas que botan palabras a esgalla, desas que cunha man dan e con outra sacan. Nunca perdía detalle de canto escoitaba e tiña unha capacidade abraiante para levar as conversas ao seu terreo, iso si, sen perder o sorriso.

O día non estaba para cafés de terraza, pero alá marchei. Non cambiara nadiña, agás aquel pelo que eu lembraba castaño e que agora tiraba máis a vermello que a outra cousa. Empezou a falar, a preguntar, a sorrir e a mover as mans coma se quixese arredar de si ata o aire. Con esa xente eu adoito ser de “Si. Non. Todo ben, sen novidades”. E chegou a cuestión, o motivo do encontro. “Poderíasme botar a man con isto? O problema que teño é moi grave e sei que ti coñeces xente que...”

“Habería que velo...”

Non lle debeu gustar a cara que puxen porque, de repente, mirou o reloxo e púxose en pé. Sen perder o sorriso e sen deixar de falar, envolveuse no abrigo e acabou por desexarme unhas boas vacacións.

Quedei coas ganas de contarlle por que non me gustaba a calor asfixiante do verán, que a chuvia tamén é detestable, que as brétemas traen malos agoiros e que un mundo sen luces é un inferno, pero foi tan breve o encontro e tantas as palabras que saían despavoridas da súa boca que, sen saber a razón, quedei sen fala.

Tanto ten. Paguei os cafés, abrochei a chaqueta e saín á rúa.

4 comentarios:

  1. Moi bo Concha, gustoume moito porque plasmaches a realidade de certa xente que ve só o seu “enorme problema” sen mirar ao resto que teñen ao seu carón.

    Aproveito para desexarte un bo Nadal e mellor aninovo, un bico.

    ResponderEliminar
  2. Las palabras......cuantos misterios encierran y cuantos giros les podemos dar...
    Encantada de que le des otras palabras a mis falsos mástiles....

    Boas festas .....

    Abraçades

    ResponderEliminar
  3. Por desgracia atopas moita xente coma esa ao longo da vida. E non a todos os das "calado" tan axiña. Algúns tardas anos en coñecelos de verdade, porque venden moi ben a moto. Pero ao final todos acabamos espabilando ¿verdade? Apertas e feliz ano 2015.

    ResponderEliminar
  4. que alegría volver y ver que sigues aquí, escribiendo.
    es genial.

    yo no soporto a las personas como Lucía que aparecen y desparecen sólo porque tienen algo que pedir... hace tiempo que ya me cansé de estos juegos, así que ya (aunque pudiera) no doy lo que me piden, por cuestión de principios.

    biquiños,

    ResponderEliminar