In the wind
E así como pensaba que todo ía
comezar, comezou.
Quizais non se percatou de todos
os matices daquela luz que, no absoluto silencio da mañanciña do 1 de xaneiro,
discutía coas nubes do Aninovo. Pero si. Fóra matices, todo comezou a andar
igual que antes. De novo. A mesa da cea estaba a medio recoller. Un anaco de
turrón esmorecía nun prato e no fondo das copas do viño víase unha pegada
granate, seca, sen vida…
Logo duns días deuse conta de que
non era un ano novo. Eran moitos anos novos que xa botaran a andar e que xa
pasaran. Iguais. Mirou arredor de si. Cambiaran moitas cousas. No taboleiro do
despacho había fotos novas e nos andéis xa non quedaba espazo para máis libros.
A enredadeira cubría a parede do balcón. No cuarto verde a cadeira de rodas agardaba
pola súa inquilina. O cuarto azul deixara de ser un misterio…
Pero a esencia de todo pouco
cambiara. Aquel silencio seguía alí, amortiguado ás veces polo son das gotas de
chuvia, polos sinais xordos das rodas dunha maleta, ou polo frío brillo dun coitelo
contra a chaira…
No hay comentarios:
Publicar un comentario