miércoles, 21 de diciembre de 2016

ESTAMOS

Foto: "Invernía"
Mercedes L. Rubín (Tres Trísqueles)

Puidera ser que non estivesemos aquí, agora. Pero estamos. A xeada por fin estala baixo os nosos pés, unha vez máis e branquea e resiste a diluírse nas néboas e cobre de luz branca as poucas horas que ten o día. E cubrirá de branca luz as moitas horas de noite que nos quedan por diante...

Puidera ser que maña non visemos o amencer. Pero estamos pisando a xeada unha vez máis e vendo o verdor das xestas cubertas polo seu branco inmaculado e estamos sentindo nos ósos a friaxe húmida e cortante dun novo Solsticio de Inverno.


miércoles, 14 de diciembre de 2016

SER DE SEU. OU... NON SER?


Foto: Enredo
Mercedes López Rubín (Tres Trisqueles)

María Xosé Silvar, Sés, no seu último disco "Opoñerse á extinción", di nunha das cancións: "E que veña ou vaia, que vaia ou veña, se me subo ao carro bótanlle leña". 

Nestas palabras resúmese a historia dunha gran parte de moitas de nós. A miña, por suposto, está perfectamente resumida. Quizais porque enredei demasiado...

Por iso decidín gardar gardar silencio e falar baixiño só cando teño algo que dicir...




viernes, 9 de diciembre de 2016

Viaxe


La luz irrumpe
Enrique G. A.
Otra mirada

Voume co amencer.

El me acompaña e me guía
desde o outro lado das núas árbores
perdidas na brétema.

Voume co amencer
cara o outro
que me agarda

Concha L.F.

viernes, 15 de abril de 2016

A BUCHACA


Por algures andará esta foto de ñOCO
GRAZAS!


Din que para sobrevivir sempre hai que levar algo gardado na buchaca, na faltriqueira...Nese peto oculto da saia, do pantalón, da camisa, do corazón e/ou do cerebro. Sería como gardar un derradeiro AS na manga.

Vendo este garfo suxeitando unha tesela azul ocórreseme pensar en todas esas persoas que, dunha ou doutra maneira, levan e viven unha vida regalada, unha vida apoiada en pilares que non construíron, sen gardar nunca nada na buchaca para imprevistos.

Logo veñen as présas e os agobios por non saber ou querer tocar timbres ou preguntar e pedir información, arrimándose unicamente a quen lle dá acubillo, vivindo desa tesela azul que non corta a auga da billa porque lle doe a conciencia histórica.

E onde está ese diminuto anaco azul que alguén tiña que ter gardado na súa propia buchaca para sobrevivir sen depender de vidas alleas?


jueves, 14 de abril de 2016

E DE REPENTE... ABRIL!


Aínda quedan meses para para recolocar e rachar todo e encher bolsas e bolsas de lixo cos restos que quedaron espallados dos invernos e primaveras, dos outonos e veráns pasados á sombra da parra, bordando caraveis nas nubes.
Aínda semanas para recoller papeis inútiles, frascos de cristal e botes de plástico cheos de baleiro, roupas vellas cosidas con ganduxos e bólas de fíos de auroras enredados baixo as camas.
Aínda quedan días para borrar dos anaqueis o fume dos cigarros, para fregar as pagadas da cadeliña amarela e peluda, inerte sobre as lousas da cociña, e as do can negro e tonto que lle rosma ás anduriñas desde o asfalto.
Aínda quedan horas e horas para ir e vir, para mudar as cores dos lenzos, para saír da brancura dos corredores infectados con desinfectantes, para poñer manteiga no desalado queixo desmanteigado, para beber a sorbos a vida mesturada con laranxas, fresas e framboesas, para amartelar o chan con doces de cidra, marmelos e mazás agrias, para tinguir os dedos co sangue dos tomates exprimidos co último alento.
Aínda quedan minutos, segundos, décimas, centésimas, milésimas e… enésimas para o último alento.
Aínda quedan… Dicía… Pensaba…
As contas eran boas!
Volveu abril!

jueves, 18 de febrero de 2016

O ACORDEÓN




"Mirei a partitura. As notas bailaban arriba e abaixo. As negras con punto enlazaban coas corcheas e estas coas semicorcheas. Había tresillos por todas partes… Ao pé da clave unha díese en FA, outra en SOL e outra en RE e de seguido 4/4 e logo, máis adiante, 6/8… Despois becuadros e 3/8 e...

Quedei muda. Os meus coñecementos de música non chegaban a tanto…

De repente deume por mirar en que intervalos subían e baixaban as notas e vin, ao pé de páxina e escrito en letra diminuta, o título daquela cantiga. Naquel momento empecei a escoitar, ao lonxe, o acordeón do meu avó.
O avó tocaba o acordeón coas mans, cos pés, cos ollos, co pelo… Ata o tocaba co seu chaleco!

Dirixinme ao tribunal e díxenlle que estaba preparada. Executei con voz firme aquela partitura e saín…"


Non é o meu avó o home que toca o acordeón. Non é meu pai. É o meu padriño.
Como pasa o tempo e cantas cousas deixa tras de si! 

lunes, 15 de febrero de 2016

Querida Pilar B. L.


Aquel foi outro Entriodo.
Era ela.
Sen máis preámbulos, rompía con todo.
Sigo recollendo os restos e tento colocalos coidadosamente sobre esta noite sen lúa chea. 
As luces e os sons da mañanciña chámanme para que me erga, aínda sabendo que sen ela haberá un oco nos corredores, un espazo cheo de lembranzas agarimosas, de ansias, de reencontros ao final do día, de xestos, sorrisos e palabras sinceras de xenerosidade, compromiso e entrega... Porque a súa presenza, vital e rebuldeira foi, é e será o mellor agasallo para onte, para hoxe, para mañá e para sempre.

Sorrís firme e impetuosa
á mañá de soños que se erguen
prendidos das raiolas.

Un aceno cara o horizonte,
a ira contida e vertida día e noite,
a ledicia e a pena pola soidade imposta,
a entrega silenciosa e o agarimo,
as luces da natureza xenerosa.

A túa presenza, vital e rebuldeira,
deixou un oco nos corredores.

Vinte moitas veces.
Agora non estás
mais segues a amosarte
en cada xesto dos xices sobre o taboleiro.

viernes, 1 de enero de 2016

NEBOEIROS


Geiser Atacama. Chile.
Foto propia.

Gustaríame estar alá, onde nada é imposible, onde a vida xurde, flúe, esvaece e renace, onde as bágoas regan flores e sacian sedes, onde o Sol quenta as herbas e as ábores sen queimalas, onde a Lúa espalla as ás das curuxas sobre a area, onde o que se perde aparece, onde o que morre revive, onde non se precisan zapatos para camiñar, onde non fan falta palabras para amosar agarimos, onde non é necesario cantar para espantar pantasmas, onde as ledicias son reais e eternas, onde non hai que remexer o estrume para atopar un anaco de pan, onde é posible sorrir sen fruncir o ceño, onde a dúbida é só o medio para atopar a verdade….