Enrique G. A.
Nunca se parara a pensar no
significado da primavera. Tampoco no do inverno ou no do outono. Tan sequera
pensara no verán. No único no que se fixaba era no tendal da casa de en fronte,
sempre coas fiestras pechadas, pero no que, cada día mudaban as cores das
sabas, dos calcetíns, das camisas, os vestidos, os calzóns, as bragas e os
pixamas.
Un día que estaba ocioso,
deulle por tirar pedriñas, daquelas que trouxera do monte, contra os cristais
da fiestra. De repente, viu descorrer os lenzos azuis e, no van, apareceu a
figura dunha fermosa rapaza de pelo escuro e mirada verde. Levaba unha camiseta
amarela e arredor do pescozo un colar de contas que semallaban gaivotas. Quedou
mudo ao vela e, co medo a ser descuberto, foise escorregando na cadeira ata
quedar sentado no chan. Deixou pasar uns minutos antes de volver asomar os
ollos por enriba da mesa. A fiestra volvía estar tapada cos lenzos azuis.
Unha mañá de domingo, desas
que regala o bo tempo cando se achegan as flores, deixou o seu acubillo de
inverno e marchou da casa, coa intención de pasear. No portal da casa estaba a
moza de pelo escuro e mirada verde, coa súa camiseta amarela e as gaivotas
penduradas do pescozo. Ela, ao velo, sacou do peto unhas pedriñas e amosoullas...

